UVigo SpaceLab presenta o proxecto de observación espacial CORTIS

Vigo TecnolóxicoActualidadeUVigo SpaceLab presenta o proxecto de observación espacial CORTIS
Xuntanza de representantes do equipo con Yanina Hallak, CEO e confundadora de UARX Space

Imaxe: xuntanza de representantes do equipo con Yanina Hallak, CEO e confundadora de UARX Space (Duvi) con superposición do deseño do “patch” de CORTIS

UVigo SpaceLab presenta o proxecto de observación espacial CORTIS

Servirá para probar algúns dos compoñentes que se usarán na misión BIXO

A asociación estudantil UVigo SpaceLab, que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico, continúa avanzando na súa carreira espacial. Ademais de continuar o seu traballo para o futuro lanzamento do cubesat BIXO, un satélite que levará unha carga biolóxica para indagar sobre o efecto do ambiente espacial sobre organismos vivos, comeza agora unha nova misión, CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space). Esta iniciativa, en colaboración coa empresa UARX Space, permitiralles probar e comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que posteriormente implementarán en BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit).

CORTIS será lanzado en xuño de 2025 como carga secundaria a bordo de OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration), unha plataforma de inxección orbital desenvolvida pola compañía galega UARX Space, que alcanzará o espazo a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX.

A elección dos mellores sensores para BIXO

O proxecto CORTIS comparará o desempeño dun sensor de radiación comercial (COTS) fronte a outros dous sensores desenvolvidos internamente por UVigo SpaceLab. A coordinadora do equipo e responsable de organización e márketing, Estela Lima, explica que, de acordo cos datos que se obteñan en órbita, o equipo poderá escoller os sensores que mellor resultado acaden para posteriormente usalos en BIXO. Explican desde o equipo que estes sensores son de vital importancia para a futura misión biolóxica, posto que permitirán saber a canta radiación estarán sometidas as bacterias durante o experimento. Así pois, será esencial asegurar o funcionamento en órbita e o posterior procesado dos datos obtidos.

Ademais, CORTIS permitirá avaliar o rendemento dunha cámara con flight heritage, coa que esperan obter imaxes do exterior da plataforma OSSIE e da Terra. BIXO tamén levará, como carga secundaria, este tipo de cámara, co que no SpaceLab poderán probar o seu funcionamento en órbita e realizar descargas e procesado das imaxes tomadas.

Colaboración entre departamentos e empresas da contorna

A misión está totalmente deseñada polo equipo de UVigo SpaceLab e xorde a raíz de colaboracións previas con UARX Space. Colaboran tamén varias empresas máis que se encargan de materializar os deseños. Así, o departamento de estruturas e control térmico do SpaceLab estase a encargar do deseño e fabricación, coa empresa Precisgal, da estrutura de aluminio que albergará o hardware no seu interior. Servirá de protección a todos eses elementos e de ancoraxe ao vehículo de lanzamento.

O departamento de electrónica traballa no desenvolvemento do hardware da misión en colaboración con Star Electrónica, mentres que o departamento de software programa o código necesario para garantir a comunicación e o procesamento de datos entre os distintos elementos. O departamento de enxeñaría de sistemas formula obxectivos, define as fases da misión e o plan de operacións en órbita.

Este novo proxecto de UVigo SpaceLab en colaboración con UARX Space contribúe a situar á Universidade de Vigo como un referente no sector aeroespacial galego, á vez que impulsa a formación de talento e a innovación tecnolóxica en Galicia.

Máis información

Duvi