Belén Riveiro, de CINTECX, Premio Agustín de Betancourt y Molina da RAING

Vigo TecnolóxicoActualidadeBelén Riveiro, de CINTECX, Premio Agustín de Betancourt y Molina da RAING
Belén Riveiro recollendo o galardón de mans do presidente da academia Jaime Domínguez

Imaxe: Belén Riveiro recolle o galardón de mans do presidente da Academia, Jaime Domínguez (Real Academia de Ingeniería).

Belén Riveiro, de CINTECX, Premio Agustín de Betancourt y Molina da RAING

Destaca a súa contribución á monitorización das estruturas de enxeñaría civil

Esta semana, Belén Riveiro Rodríguez, profesora e investigadora do CINTECX, viaxou a Madrid para recoller na sede da Real Academia de Ingeniería o premio que cada ano concede esta institución aos mellores investigadores novos. Recibiu o galardón de mans de Jaime Rodríguez Abascal, o seu presidente, nunha cerimonia na sede da Academia.

Riveiro expresou a honra que lle supón a recepción deste galardón, con gran prestixio a nivel nacional e outorgado por científicos tan destacados como os académicos da Real Academia de Ingeniería. Sinte que esta distinción chega para compensar grandes esforzos e sacrificios realizados ao longo dos últimos anos por todo o grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, con cuxos integrantes Riveiro quere compartir o premio. Entre os seus agradecementos estiveron tamén  os directores deste grupo de investigación, Pedro Arias e Henrique Lorenzo, así como doutorandos, entidades que a acolleron ao longo da súa formación de posdoutoramento e familiares e persoas máis achegadas.

Elevado impacto en transferencia

Belén Riveiro, profesora do Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción e investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do CINTECX, recibiu o Premio Agustín de Betancourt y Molina pola súa contribución na monitorización da saúde de estruturas de enxeñaría civil. Este traballo propiciou relevantes contribucións científicas e tamén unha importante transferencia tecnolóxica. Así, asináronse contratos de envergadura con empresas e rexistráronse sete patentes, tres delas licenciadas.

A docente e investigadora lembrou no seu discurso que os principais fitos da súa carreira están relacionados coa resiliencia de infraestruturas, en particular coas de transporte terrestre. Subliñou o carácter “esencial” destas investigacións para contribuír a acadar o desenvolvemento sostible. Lembrou que os efectos do cambio climático están a acelerar os procesos de degradación das estruturas, con eventos extremos cada vez máis frecuentes.

Múltiples recoñecementos

A comisión destes premios, que outorgou o galardón por unanimidade, valorou o feito de que o labor de Riveiro xa fose anteriormente recoñecido con importantes distincións, como o Premio Nacional a Jóvenes Matilde Ucelay (2022), concedido polo Ministerio de Ciencia e Innovación, ou a Medalla Juan López de Peñalver concedida pola mesma RAI (2017) polas  súas contribucións á aplicación de técnicas xeománticas á monitorización dimensional estrutural de estruturas de enxeñaría civil e construción, así como aplicación de modelado 3D en cidades intelixentes.

No mesmo acto, tamén se entregou o premio Juan López de Peñalver, no que se recoñece igualmente aos mellores investigadores novos, ‘ex aequo’ a Rubén Tolosa, da Escola Politécnica Superior da Universidad Autónoma de Madrid, e a Natalia Díaz, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática e de Telecomunicacións da Universidad de Granada. Igualmente, foron galardoados con medallas de accésit ao premio Agustín de Betancourt polo seu labor investigador os enxeñeiros Sergi Abadal Caballé, Raquel Lebrero Fernández e M.ª Mirian Velay Lizancos.

Ademais, hai dúas semanas Belén Riveiro recolleu outro premio como investigadora nova, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa. A organización dos premios salientou como a investigadora viguesa lidera novidosas liñas de investigación. Estas combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil. Fixo especial fincapé en que as súas tecnoloxías permiten diagnosticar a saúde destas estruturas, axudando así a anticipar a aparición de posibles colapsos.

Máis información

Duvi (1) (2)
Real Academia de Ingeniería
Real Academia Galega de Ciencias
Vídeo da intervención de Riveiro na canle da RAI