As Ciencias da Terra, protagonistas nas actividades da Olimpíada de Xeoloxía

Vigo TecnolóxicoActualidadeAs Ciencias da Terra, protagonistas nas actividades da Olimpíada de Xeoloxía
Participantes do CPI Cova Terreña de Baiona na olimpíada de xeoloxía

Imaxe: Participantes do CPI Cova Terreña de Baiona (Duvi)

As Ciencias da Terra, protagonistas nas actividades da Olimpíada de Xeoloxía

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía foi a sede da fase viguesa do certame

Máis dun cento de estudantes de quince institutos de Vigo e a súa comarca (incluíndo Cangas, Redondela, Porriño, Salvaterra de Miño ou Tui) participaron onte na XVI Olimpíada de Xeoloxía 2025. Esta proba está convocada pola Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra, a Sociedad Española de Geología e o Colegio Oficial de Geólogos en colaboración con diversos organismos. Entre eles, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico.

Elena Alonso Prieto, directora da escola, recibiu e deu a benvida a participantes e docentes, ademais de desexarlles boa sorte. Anunciou que a xornada sería intensa, pero tamén animou a gozar dunha actividade que axuda a fomentar o interese polos estudos e coñecementos asociados ás ciencias da Terra. Canda ela, Alicia López, coordinadora da olimpíada na sede de Vigo. Desexou que fose unha “gran festa coa que collerlle gusto á xeoloxía”.

Probas prácticas, teórica e actividades guiadas

No transcurso da xornada as actividades foron diversas: un exame teórico, unha proba práctica e unha xincana xeolóxica. Complementáronse con actividades guiadas por parte do persoal docente e investigador do centro. Achegaron múltiples ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario, como enxeñaría de materiais, paleo 3D ou intelixencia artificial para recoñecemento de materiais.

Participantes como Dolores Torres, docente do CPI Cova Terreña de Baiona, valoraron moi positivamente esta olimpíada. Coida que brinda a oportunidade ao alumnado de visitaren o campus e coñecer o ambiente universitario. E, ademais, achega unha boa aprendizaxe que prepara a estudantes para o futuro, propiciando que saian da súa zona de confort e enfrontando a novos retos. Acompañou a sete alumnas e un alumno do centro. Pola súa banda, o IES San Paio de Tui xa pasou pola olimpíada en anteriores edicións. Os seus docentes Eduardo Barciela e Cristina Martínez valoran moi positivamente a unión de probas individuais e por equipos. Pensan que este certame resulta atractivo e agradable tanto para docentes como para alumnado.

O resto do alumnado de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato que participou proviña dos seguintes centros: IES Johan Carballeira, IES A Guía, Primeiro de Marzo, IES Plurilingüe Terra de Turonio, IES de Soutomaior, IES Salvaterra de Miño, IES Ribeira do Louro, IES Mendiño, IES Politécnico de Vigo, IES de Teis, IES República Oriental do Uruguai, IES Illa de San Simón e IES Coruxo. De entre eles e elas as persoas que conseguiron a máxima cualificación pasan á fase española, que terá lugar en Tremp, Lleida. En Galicia, a olimpíada estivo tamén presente en Lugo, Santiago de Compostela e A Coruña. Colaboran nesta edición da fase galega, ademais da EME, a Consellería de Educación, as Facultades de Bioloxía de Santiago e de Ciencias da Coruña, así como a Deputación de Lugo e o Xeoparque do Cabo Ortegal.

Máis información

Duvi

 

Fase galega da XVI Olimpíada de Xeoloxía