A Competición de Robots da EEI cumpre dez anos e volve en abril

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Competición de Robots da EEI cumpre dez anos e volve en abril
Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial

A Competición de Robots da EEI cumpre dez anos e volve en abril

Participarán estudantes de ESO, Bacharelato, FP e Universidade

A Competición de Robots da EEI é unha das grandes citas de cada ano na Escola de Enxeñaría Industrial, e vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova edición. Será a oitava, dez anos despois da posta en marcha deste evento. José Fariña Rodríguez, director da Escola de Enxeñaría Industrial, adianta que a próxima edición contará con novos premios, e tamén con algunha sorpresa no día de competición, que será o 25 de abril.

O pasado ano participaron medio milleiro de estudantes de 28 centros educativos das catro provincias galegas. Para a vindeira edición intentarase manter e incluso mellorar estes números, se ben José Fariña remarca que o principal obxectivo non está nas cifras de participación, senón en que sexa unha actividade que axude aos centros a preparar a mozos e mozas para os retos do futuro desde a ilusión.

Novo premio STEAM e incentivos de inscrición

Co gallo da conmemoración do X aniversario, a organización busca reforzar o rol protagonista do alumnado participante e os seus centros. Por iso as novidades da vindeira edición estarán centradas nos premios e recoñecementos. Por primeira vez, AER Automation, a Asociación Española para a Robótica e a Automatización, entregará o premio STEAM. Será merecedor desta distinción o centro educativo que participe cun maior número de estudantes nas distintas categorías, recoñecendo así o seu labor na preparación da mocidade para os retos do futuro.

Ademais, hai varios incentivos para a inscrición, como un tapete “sigue liñas” de balde para as primeiras 25 inscricións ou o sorteo dun kit de ampliación. O certame divídese en dúas categorías: BE Robot, para estudantes con matrícula no presente curso en ESO ou Bacharelato, e DEMO Robot, para estudantes, principalmente, de Formación Profesional e ensino universitario. Para a primeira, as probas serán “sigue-liña”, “marchoso” e “velódromo mareante”, mentres que os robots da segunda deberán superar “rastrexo”, “labirinto”, “triple penalti con isleta” e “sumo”.

Dez anos coidando a canteira

A Competición de Robots xurdiu na EEI como unha actividade coa que “tentar fomentar dende as bases o interese polas actividades STEAM nun momento, ademais, onde o futuro vai a estar vencellado á dixitalización e ao papel das novas tecnoloxías, sendo a robótica unha das que terá maior influencia”, explica o director da escola.

Consonte o vivido en anos anteriores, desde a Escola de Enxeñaría Industrial consideran que o esforzo organizativo paga a pena, para “ser quen de fomentar e estimular con accións que axuden a desenvolver as competencias dixitais e tamén aquelas outras máis transversais, como o traballo en equipo e a aprendizaxe baseada en proxectos”. “É un orgullo poder vivir agora en primeira persoa a organización da competición e amosar o meu agradecemento a toda a xente que vén traballando desde hai xa moito tempo para que esta edición sexa especial e responda ás expectativas e exixencias dos centros”, conclúe Fariña.

Os centros educativos poden atopar as bases e inscribírense ata o 10 de febreiro nesta ligazón.

Máis información

Duvi

Competición de robots da EEI