Imaxe: investigadoras e investigadores do proxecto Distrimuse na Universidade de Vigo (Duvi)
atlanTTic, no proxecto DistriMuSe de protección da saúde e a seguridade
Propón un uso intelixente e non intrusivo de sensores para conseguilo
DistriMuse, Distribuited multi-sensor systems for human safety and health, é un ‘megaproxecto’ europeo no que están involucradas medio cento de entidades pertencentes a sete países. Traballan para mellorar a seguridade das persoas e protexer a súa saúde. Conta cun orzamento de 34,7 millóns de euros, dos cales atlanTTic, o Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, recibirá 0,5 M€. Felipe Gil e Pablo Fondo, do Grupo de Tecnoloxías da Información, dirixen 14 investigadores e investigadoras que participan nesta iniciativa. Coordina o Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia.
Interacción cotiá con dispositivos intelixentes
O proxecto busca incrementar a seguridade das persoas mediante a mellora da detección da presenza e o comportamento humanos mediante sistemas multisensor e de aprendizaxe automática. Hoxe en día, nas actividades cotiás empregamos diversos dispositivos tecnolóxicos intelixentes: de teléfonos móbiles a sensores de saúde, pasando por aspiradores autónomos ou vehículos con cada vez máis sensores. De aí a procura de que a interacción con este tipo de dispositivos sexa cada vez máis fluída. O seu potencial é grande, pero tamén implica desafíos tecnolóxicos e certos riscos.
As persoas que usan estes dispositivos adoitan esperar que os seus servizos estean sempre dispoñibles, pero tamén se valora a súa discreción cando non se precisan. Para isto son necesarios sensores que capten non só a presenza humana, senón tamén o estado mental e físico, actividades e intencións. Por iso, para interpretar o comportamento humano, son necesarios a intelixencia artificial e monitorización, coidando sempre a privacidade.
Saúde, seguridade viaria e robótica industrial
Os casos de uso que DistriMuSe contempla son tres: o aproveitamento do diagnóstico baseado en medicións na casa para resolver problemas de saúde, protexer peóns e ciclistas con solucións de tráfico automatizadas e facilitar a interacción segura entre humanos e robots nunha fábrica. Felipe Gil salienta que son casos de uso amplos que buscan resolver problemas comúns, en espacial os dous primeiros. Pretenden ser exemplos de aplicacións “universais” dos resultados tecnolóxicos do proxecto.
O responsable na UVigo do proxecto sinala que a investigación está encamiñada a potenciar os sistemas de sensorización cunha arquitectura distribuída. Esta permitirá que os sistemas que se ofrezan “sexan máis transparentes, ubicuos e satisfactorios”. O deseño desa arquitectura, no que participan, implementa novos servizos apoiados por intelixencia artificial. Para que a monitorización sexa discreta e continua, utilízanse tecnoloxías de detección como radar, lidar, cámaras e dispositivos portátiles. Os múltiples sensores mellorarán cobertura e precisión e o procesamento dos seus datos farase distribuíndo os cálculos entre os recursos dispoñibles.
Continuación de NextPerception
DistriMuSe botou a andar o pasado 1 de maio e durará 36 meses. A reunión de lanzamento tivo lugar en Helsinki e en novembro tivo lugar un novo plenario na zona de Stuttgart, en Alemaña. Trátase da continuación do proxecto NextPerception, outro megaconsorcio europeo no que tamén participou a Universidade de Vigo e no que se buscaba crear unha nova xeración de tecnoloxías de detección intelixentes.
O consorcio DistriMuSe está formado por 50 entidades de sete países (Finlandia, Italia, Alemaña, República Checa, Bélxica e Países Baixos) entre os que se atopan universidades, centros de investigación e numerosas empresas. A representación española inclúe as empresas Acorde Technologies, Safran Electronics and Defense, Evotel Informática e HI Iberia Ingeniería y Proyectos.
Máis información