O potencial da aprendizaxe colaborativa, en Minas e Enerxía

Vigo TecnolóxicoActualidadeO potencial da aprendizaxe colaborativa, en Minas e Enerxía
Un intre da presentación do proxecto 'Optimización do sistema de recarga onboard dunha bicicleta eléctrica mediante a incorporación de sistemas de navegación GPS e inercial'

Imaxe: Un intre da presentación do proxecto ‘Optimización do sistema de recarga onboard dunha bicicleta eléctrica mediante a incorporación de sistemas de navegación GPS e inercial’  (Duvi)

O potencial da aprendizaxe colaborativa, en Minas e Enerxía

A EME incorporou no seu día unha materia específica ao seus plans de estudos

Dous proxectos de aprendizaxe colaborativa viron a luz na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico: Optimización do sistema de recarga onboard dunha bicicleta eléctrica mediante a incorporación de sistemas de navegación GPS e inercial, a cargo de Miguel Fojo e Rubén Pereira, e Determinación da lei de propagación de vibracións do terreo, de Alejandro Loroño e Diego García. Estes alumnos presentaron os seus proxectos ante tribunais expertos e, posteriormente, ante integrantes da comunidade universitaria.

Aposta firme pola aprendizaxe colaborativa

Coa súa exposición pública, o alumnado pon fin o traballo desenvolvido nos últimos meses dentro da aposta da Escola pola aprendizaxe colaborativa. Tanto é así que o propio centro modificou o plan de estudos dos graos en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos e Enxeñaría da Enerxía para incorporar unha materia específica centrada nesta metodoloxía. Ao abeiro desta iniciativa, que acada a súa segunda edición, os docentes Mario Soilán, do Departamento de Enerxía do Recursos Naturais e Medioambientais, e Andrés Nogueiras, do Departamento de Tecnoloxía Electrónica, supervisaron o traballo desenvolvido por Miguel Fojo e Rubén Pereira. Fernando García, do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medioambiente, e María Ángeles Saavedra, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa, encargáronse de asesorar a Alejandro Loroño e Diego García.

Transmisión do coñecemento

Nesta aposta da Escola pola metodoloxía de aprendizaxe colaborativa, as e os docentes traballan de xeito conxunto en cada proxecto, orientado ao alumnado durante todas as fases e facendo seguimento constante dos avances. Os proxectos finalizan o seu percorrido coa súa defensa ante tribunais de expertos e, posteriormente, presentándose os resultados máis destacados ante membros da comunidade universitaria. Ademais, nesta segunda edición, tamén se presentaron ao alumnado e profesorado de bacharelato do CPR Miralba de Vigo e do IES Valadares. Con esta metodoloxía ponse de manifesto a importancia de difundir os resultados dos proxectos colaborativos a diferentes colectivos sociais, o que facilita a preparación dos futuros enxeñeiros e enxeñeiras na transmisión dos avances do seu traballo a audiencias con distintos niveis formativos.

Máis información

Duvi