Grande alfuencia de público no edificio Redeiras
O pasado venres celebrouse nas cidades de toda Galicia a G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras. No caso da cidade de Vigo, un dos principais espazos nos que se desenvolveu foi o Edificio Redeiras, o edificio institucional da Universidade de Vigo situado na praza do Berbés.
As persoas que se achegaron á expo-feira de Redeiras puideron gozar con diversas instalacións centradas no ámbito tecnolóxico, coma “Nós facemos robots”, a cargo do Grupo de Enxeñaría Eficiente e Dixital (EN.EDI), no que se puido experimentar o funcionamento dun robot paralelo coa función “reloxo mecatrónico”, as súas diferentes partes e o seu programa interno. Tamén foi posible coñecer a aplicación da intelixencia artificial para controlar con xestos e movementos varias maquetas dispoñibles.
Pola súa banda, UVigo SpaceLab difundiu ao público presente a misión espacial que está a desenvolver, ademais de amosar maquetas, prototipos e material aeroespacial de última xeración.
Houbo obradoiros de varios grupos de investigación pertencentes ao CINTECX: é o caso do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE), sobre termografía infravermella, no que se puideron coñecer conceptos básicos sobre a radiación e as súas aplicacións no campo da termografía. O grupo BIOSUV propuxo un obradoiro sobre o uso de residuos alimentarios para a descontaminación de augas, mentres que o Grupo XESSMin presentou experimentos para coñecer as propiedades de distintos tipos de materiais, como cerámicos, metálicos, polímeros ou materiais compostos.
Non faltou á cita AtlanTTic, cunha actividade participativa para visibilizar os proxectos de investigación relativos á tecnoloxía e as telecomunicacións nos que están a traballar conxuntamente coa E. E. de Telecomunicación.
Que ben o pasamos o venres na @GNight_gal achegando o universo das telecomunicacións, xunto con @atlanTTic_uvigo, a todos os que quixeron visitar o noso posto na expo-feira! #beTelecoVigo pic.twitter.com/4Ub63telY6
— E.E. Teleco Vigo (@EETelecoVigo) October 2, 2023
Carlos Meniño Cotón, docente do Grao en Enxeñaría Eléctrica, estivo a cargo da charla “Matemáticas para a Ciencia e a Vida: Topoloxía, datos e os segredos de Pompeia“, mentres que UVigo Motorsport expuxo un dos seus monoprazas nos soportais que preceden a entrada do edificio.
A xornada continuou a partir das 22 horas no Café Vitruvia, no que Ana Larrañaga, do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Enerxética (GTE) falou sobre a ciencia de datos, subliñando ademais o papel das mulleres na ciencia.
Todas estas foron só algunhas das actividades que tiveron lugar na G-Night viguesa nesta terceira ocasión na que Galicia se une á Noite Europea dos Investigadores. Con actividades nas sete principais localidades galegas, as persoas asistentes puideron gozar de medio cento de actividades gratuítas nas que persoal investigador das tres universidades e outros organismos de investigación deron a coñecer o seu traballo á cidadanía, poñendo de manifesto a importancia da investigación na vida das persoas.