Imaxe: participantes no proxecto EWOC no Edificio Redeiras (Duvi)
O proxecto EWOC traballa na converxencia de comunicacións ópticas e sen fíos
Integrantes de atlanTTic veñen de reunirse en Vigo co resto de socios europeos
EWOC (Enabling Virtualized Wireless and Optical Coexistence for 5G and Beyond) é un proxecto internacional que traballa nas tecnoloxías de comunicación 5G e sucesoras para mellorar as súas prestacións. En palabras de Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e coordinador do proxecto na UVigo, “EWOC busca desenvolver unha nova solución de rede óptica e sen fíos, flexible e virtualizada, para optimizar os recursos das redes 5G e posteriores (B5G), aumentando de xeito significativo a eficiencia espectral”. EWOC está centrado en comunicacións de alta capacidade e baixa latencia, e sentará a base para unha mellora de 50 veces da eficiencia espectral.
O proxecto conta cun financiamento de 2,3 millóns de euros do programa Europe-MSCA-Doctoral Networks (Marie Skłodowska-Curie Actions). Intégrano unha decena de socios: o Instituto de Telecomunicações, que é o coordinador; a Universitat Politècnica de Catalunya; o Politécnico de Torino; a Technische Universität Dresden; University of South Wales e as empresas Huawei Sweden, YLO-Verkot, Top-IX e ISRD. Pertencen a nove países, Portugal, España, Italia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Finlandia, Polonia e Francia. Precisamente, esta semana as entidades socias celebraron unha reunión en Vigo na que analizaron o progreso do proxecto e definiron os pasos futuros, na que foi a oitava xuntanza plenaria do consorcio.
Redes rápidas, seguras e privadas
Estas investigacións pretenden dar resposta ás necesidades de servizos de Internet de gran largo de banda, cuxo crecemento exponencial require maior rendemento e menor latencia. Felipe Gil salienta que a UVigo está focalizada en manter as novas redes seguras e privadas, ao tempo que se aumenta a súa operación automática e intelixente. As ideas que xorden na investigación e son validadas pasan a implementarse en prototipos e probas piloto. En caso de éxito, poderán pasar aos estándares e produtos comerciais.
Precisamente, en atlanTTic, o investigador Orestis Maraziotis está desenvolvendo unha tese de doutoramento sobre ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial para que as novas redes sen fíos e ópticas, virtualizadas e flexibles, propostas en EWOC, sexan máis automáticas grazas á IA, sen comprometer a seguridade nin a privacidade dos usuarios.
A tecnoloxía que se desenvolverá no marco de EWOC traerá beneficios tanto a usuarios finais como a empresas de telecomunicacións, cunhas redes de capacidades moi superiores ás actuais, adaptadas de forma automática aos seus usos e con novos servizos, á par que seguras.
Máis información