Unhas JAI de récord

Vigo TecnolóxicoActualidadeUnhas JAI de récord
Inauguración das JAI 2025

Imaxe: un instante da inauguración das xornadas. No centro, Belén Rubio Armesto, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación (Duvi)

Unhas JAI de récord

A décima edición das xornadas sobre automatización industrial quedou inaugurada

Onte a Escola de Enxeñaría Industrial, na súa sede campus, acolleu o acto oficial de inauguración das JAI, as Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial. É a décima edición dun evento que se celebrou por vez primeira en abril de 2004. Desde entón, e grazas ao empeño profesional e persoal do profesor Nacho Armesto, centos de relatores e relatoras pasaron polas JAI, e miles de persoas acudiron como asistentes. Desta volta, as xornadas supéranse a si mesmas e serán as máis multitudinarias da súa historia, con 70 relatorios, 40 horas de conferencias e mesas redondas, máis de 40 expositores e unha asistencia de preto de 2000 persoas.

No acto de inauguración oficial estiveron presentes  a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio Armesto; o alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades Fernández; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o director xeral do CTAG, Luis Moreno; e o presidente de Dihgigal, Francisco Yáñez.

Tecnoloxía para o progreso da sociedade

A vicerreitora Belén Rubio puxo en valor a celebración dun evento coma este na Universidade de Vigo; tamén os diferentes graos e mestrados en enxeñaría. Entre eles,  o grao dual en Automoción e os mestrados 2030, “os do futuro”, como o de Fabricación Aditiva. Rubio asegurou que este contorno é ideal para que Galicia progrese e prospere, e subliñou o poder das JAI para “innovar, establecer sinerxías co sector produtivo e conectar a educación e a ciencia coa tecnoloxía e co progreso da sociedade”. Agradeceu estes logros a Nacho Armesto e a José Fariña, director da EEI.

O resto de autoridades sumouse ao agradecemento ao profesor Armesto, e ao recoñecemento do seu esforzo e tesón. O rexedor vigués, Abel Caballero, lembrou tamén a futura factoría de chips fotónicos, que estará en Vigo da man do profesor Francisco Díez. Defendeu que nun contorno con cada vez máis implantación de robótica e intelixencia artificial é necesario que a sociedade acompañe, controle e se beneficie dese progreso.

José Luis Alonso, director de Stellantis Vigo, puxo o exemplo da factoría viguesa de automóbiles, que conta con máis de 2200 robots e autómatas e máis de 300 cámaras de visión artificial. Logo das intervencións de David Regades e José Alberto Díez de Castro, a vicerreitora deu por inauguradas as JAI e deu paso á primeira conferencia, a do cirurxián Diego González Rivas, lembrando que “no eido da tecnoloxía nada é imposible”.

Un amplísimo programa

O encargado de abrir as xornadas foi o doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Shanghai Pulmonary Hospital, en China. No programa destacan intervencións como a de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal ou o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, que ten abandeirado equipos de investigación de robots submarinos con grande éxito e que impartirá a conferencia maxistral de peche.

Nesta primeira xornada o público puido coñecer varios robots e autómatas, coma Go2, Go2w e o bípedo G1, da empresa Unitree ou o  Vision 60 de Ghost Robotics. As JAI ofrecen ás persoas asistentes o xa tradicional Showroom Industria 4.0, no que se dan cita as principais empresas do sector amosando as novas tecnoloxías e avances. En total son 40 expositores, 20 o luns e martes e outros 20 entre mércores e xoves.

Ao longo da semana abordaranse temas clave para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e preditivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexible, robótica móbil, conectividade IT/OT, intelixencia artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, IIoT, automatización intelixente, inspiración biónica ou seguridade en máquinas.

Desde 2004, estas xornadas seguen demostrando que, con esforzo, é posible fomentar e potenciar a relación entre o mundo empresarial e o universitario, tal e como afirma o seu fundador. Poden seguirse en directo en UVigoTV.

Máis información

Duvi
JAI