A cooperación e a creatividade sustentan 18 proxectos do alumnado de enxeñarías

Vigo TecnolóxicoActualidadeA cooperación e a creatividade sustentan 18 proxectos do alumnado de enxeñarías
Congreso dos Traballos Colaborativos

Imaxe: Congreso dos Traballos Colaborativos (Duvi)

A cooperación e a creatividade sustentan 18 proxectos do alumnado de enxeñarías

Acaban de presentarse nun novo Congreso dos Traballos Colaborativos

Na mañá do pasado venres máis dun cento de estudantes de graos de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico participou na 24ª edición do Congreso de Traballos Colaborativos. Neste evento presentáronse preto dunha vintena de proxectos co ánimo de dar resposta a retos e demandas da sociedade.

O Congreso de Traballos Colaborativos é unha iniciativa docente que naceu hai 12 anos impulsada polos profesores da Escola de Enxeñaría Industrial José A. Alonso Rodríguez, José L. González Cespón e Lucía Díaz Vilariño. Fíxoo co obxectivo de fomentar o intercambio de coñecementos, experiencias e proxectos entre as futuras e futuros profesionais, ademais de sensibilizalos sobre os desafíos e oportunidades da sociedade actual. Ten lugar dúas veces por curso, e xa está consolidado como un piar fundamental na formación interdisciplinaria do alumnado, en palabras dos seus creadores. Promove a colaboración entre diferentes titulacións e facultades  e proporciona unha plataforma única para que alumnas compartan as súas investigacións e proxectos, desenvolvendo actividades esenciais para o seu futuro profesional. Desde a organización destacan que moitas das persoas tituladas salientan a importancia desta experiencia na súa traxectoria profesional, grazas á que adquiriron competencias como traballo en equipo, comunicación efectiva e resolución de problemas complexos.

Solucións creativas e tecnolóxicas en seguridade, saúde ou medio ambiente

A última edición reuniu 117 estudantes de cinco graos e contou coa colaboración de nove profesores de varias titulacións. O alumnado participante traballou durante os últimos meses dividido en grupos multidisciplinares. Foron desenvolvendo as súas ideas ata deseñar a proposta presentada o venres ante o público nunha contorna de aprendizaxe e crecemento. Valoráronse especialmente a innovación e a creatividade dos traballos.

Os 18 proxectos presentados abordan problemas actuais mediante solucións creativas e tecnolóxicas. Entre os asuntos tratados, a xestión de residuos en eventos, a redución do desperdicio alimentario, a prevención de estafas telefónicas ou a mellora da mobilidade. Houbo proxectos relacionados coa seguridade, con propostas para a localización de persoas no mar, seguridade dos percebeiros e melloras na seguridade viaria ou na condución nocturna.  Outros foron relativos á saúde, como un medidor intelixente de glicosa ou unha aplicación para fomentar a práctica deportiva. Houbo tamén propostas relacionadas co control de avespas velutinas, coas zonas de baixas emisións ou o transporte entre campus e cidade.

O profesorado participante na iniciativa, que forma parte da RED I+S, grupo de innovación educativa da UVigo, destaca a importancia da cooperación e da creatividade na educación superior.

Máis información

Duvi