Imaxe: Aula no Sáhara Occidental, en Bojador, que participou no obradoiro impartido desde a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (Duvi)
A EE de Minas e Enerxía comprométese coa cooperación educativa co Sáhara Occidental
Foi unha proposta do alumno Héctor Santorum, vinculado á comunidade saharauí
A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico vén de pór en marcha unha iniciativa de cooperación educativa cun centro do Sáhara Occidental. Esta semana tivo lugar a primeira das actividades deste proxecto. Tratouse dun obradoiro en liña para estudantes de entre 10 e 14 anos. A intención é prolongar esta colaboración, con actividades de interese formativo para alumnado do sistema educativo saharauí. É un sistema que ten que facer fronte a importantes retos, como a escaseza de recursos, a falta de persoal docente ou a necesidade imperiosa de modernizar os plans de estudo.
A colaboración xurdiu a proposta dun estudante da propia Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Héctor Santorum, ‘Bujari’, alumno moi vinculado á comunidade saharauí. Raquel Pérez Orozco, responsable de Divulgación Científica do centro, uniuse á organización deste primeiro obradoiro.
Unha experiencia valiosa dentro da realidade educativa saharauí
A sesión consistiu nun obradoiro de combustión impartido de xeito telemático. Estivo dirixido á clase da profesora Ahjabha Hamadi, da escola Salem-Ahmed Baricala, situada na wilaya (provincia) de Bojador, na República Árabe Saharauí Democrática. A metodoloxía experimental permitiu reforzar os coñecementos do alumnado que o próximo ano iniciará a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Raquel Pérez destaca que o uso de vídeos na aula facilitou a comprensión e o interese do alumnado, ofrecendo unha ferramenta didáctica valiosa e adaptada á súa realidade educativa.
Bojador é unha das cinco provincias dos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf, Arxelia, establecidos entre 1975 e 1976. Nestes campamentos a educación representa un piar fundamental para a resistencia e o desenvolvemento da comunidade saharauí polo que iniciativas como esta fortalecen o seu sistema educativo e fomentan a solidariedade internacional.
Máis información