CINTECX e Aimen presentan “Mulleres que lideran”

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX e Aimen presentan “Mulleres que lideran”
Mulleres que lideran

CINTECX e Aimen presentan “Mulleres que lideran”

É unha iniciativa enmarcada no programa de mentoría do centro de investigación

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico, CINTECX, e o centro tecnolóxico Aimen, con sede en Porriño, únense para celebrar de xeito conxunto a Semana da Muller. Así, teñen preparada a xornada “Mulleres que lideran”, un encontro para pór de relevo o papel das mulleres científicas e promover o liderado feminino en investigación e tecnoloxía.

A iniciativa está enmarcada no programa de mentoría do CINTECX, dirixido a orientar e apoiar o desenvolvemento académico e profesional de xoves investigadoras e investigadores. Facilita o intercambio de ideas con perfís máis sénior, e nesta vindeira xornada persoal de investigación de ambas as dúas entidades compartirá as súas experiencias en xestión e desenvolvemento de proxectos innovadores.

O acto estará presentado pola catedrática Ángeles Sanromán Braga, directora do CINTECX. Nel daranse a coñecer exemplos de referentes femininos que inspiren as futuras xeracións de científicas e tecnólogas. De aí que o evento estea dirixido especialmente a persoal investigador predoutoral, estudantes en preparación de TFG e TFM e persoas en activo interesadas en coñecer os casos de liderado de mulleres no ámbito científico-tecnolóxico.

Os exemplos de Aida Díez, Concepción Paz, Afra María Petrusa, Lourdes Blanco e Luz Herrero

O CINTECX contará cos referentes de Aida Díez Sarabia e Concepción Paz Penín, anterior directora do centro e premio María Josefa Wonenburger en 2023. Aida Díaz é responsable do proxecto AXA Fellowship sobre produción de hidróxeno a partir de residuos agroindustriais. Foi gañadora en dúas ocasións da convocatoria competitiva CINTECX Challenge no ámbito das tecnoloxías industriais.

Concepción Paz Penín é catedrática de Mecánica de Fluídos e investigadora do Grupo de Tecnoloxía Enerxética, GTE, onde foi investigadora principal en máis de dez proxectos de convocatorias competitivas internacionais, nacionais e autonómicas. Liderou máis de corenta contratos de investigación con empresas e/ou entidades públicas. No seu relatorio falará da súa experiencia e liderado na coordinación de proxectos de investigación con empresas e centros de investigación.

De Aimen acudirán outras tres investigadoras: Afra María Pertusa Llopis, Lourdes Blanco Salgado e Luz Herrero Castilla.

Primeiramente intervirán Afra María Pertus, investigadora junior en Advanced Robotics Technologies and Applications, e Lourdes Blanco, investigadora senior en Advanced Composites Technologies. Abordarán xuntas a evolución da investigación nestes ámbitos e os retos da coordinación de proxectos en diferentes etapas profesionais.

Luz Herrero Castilla, coordinadora de Environmental Technologies, exporá a traxectoria de dúas décadas de avances en tecnoloxías ambientais e os desafíos atopados na súa carreira como investigadora e coordinadora.

Máis información

Duvi

CINTECX