CINTECX presenta as propostas de investigación gañadoras en 2025

Vigo TecnolóxicoActualidadeCINTECX presenta as propostas de investigación gañadoras en 2025
Directora e subdirector do CINTECX cos e as IPs das e propostas gañadoras challenge 2025

Imaxe: Ángeles Sanromán e Félix Quintero, directora e subdirector do CINTECX (terceira e primeiro pola dereita, respectivamente) cos e as IPs das propostas gañadoras do Challenge 2025; Ignacio Pérez Rey,  María Pazo Rodríguez, Antía Fernández Sanromán e Aránzazu Pintos Alonso (Duvi)

CINTECX presenta as propostas de investigación gañadoras en 2025

Tamén se presentaron os resultados da convocatoria de 2024

O Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico vén de dar a coñecer as propostas gañadoras do CINTECX Challenge 2025. Trátase de tres traballos ligados ás temáticas catalizadores ecolóxicos, mecánica de rochas e xestión de recursos hídricos. A directora do centro, Ángeles Sanromán Braga, explica que son propostas representativas das áreas temáticas e liñas estratéxicas do centro, como a produción de hidróxeno, a fabricación aditiva e a sustentabilidade de recursos naturais.

Na xornada tamén se deron a coñecer os resultados dos proxectos de 2024. Sanromán sinalou que a posta en marcha deses proxectos permite a interacción entre diferentes grupos e contribúe ao labor de divulgación do centro. O challenge permite, ademais, pór a proba a investigación interdisciplinar a nivel centro, e así o persoal investigador adquire as destrezas para enfrontarse a proxectos de maior envergadura.

Catalizadores ecolóxicos, mecánica de rochas e recursos hídricos

As propostas galardoadas no Challenge’25 foron a coordinada por Antía Fernández Sanromán e Pablo Pou Álvarez, Catalizadores ecolóxicos multifuncionais baseados en nanotecnoloxía para aplicacións enerxéticas e medioambientais (Eco-NanoxCat); a proposta de Ignacio Pérez Rey e Aránzazu Pintos Alonso, Análise do comportamento mecánico de rochas en tracción confinada, Traconroc; e a de Mario Soilán Rodríguez e María Pazo Rodríguez, titulada Xeración automatizada mediante modelos de linguaxe de redes bayesianas para a xestión de recursos hídricos, Gal-Bayes.

Resultados da edición precedente

Para presentar os resultados da edición de 2024, a primeira intervinte foi Aida Díez Sarabia, como responsable do proxecto Optimización e escalado da rotura electroquímica da auga para a xeración de H2. Trátase dun proxecto de obtención de hidróxeno verde usando residuos agroindustriais como catalizadores para a rotura electroquímica da auga. A investigación consigue aumentar a área electroquímica activa, co que se conseguen unha maior estabilidade e uns catalizadores máis eficientes. Díez Sarabia, ademais, vén de ser recoñecida cunha bolsa Ramón y Cajal.

Seguidamente, Iago Pozo Antonio, do grupo Gessmin, presentou os resultados de Estratexias sostibles para a conservación da arte urbano, Smart, coordinado conxuntamente coa investigadora Raquel Pérez Orozco, do grupo GTE. Pozo explicou que este proxecto consiste na obtención dunha ferramenta para optimizar a conservación preventiva de pinturas murais expostas a determinadas condicións. Faino en función da orientación e as condicións meteorolóxicas ás que están expostas. A investigación empregou modelos de machine learning (aprendizaxe automática) antes de estudar a pintura en contornas reais para simular o proceso de degradación. Explorouse o uso dun protector para retardar os cambios, e Pozo sinala que unha vez coñecidas as características da pintura e do muro no que se atopa pódese saber se perdurará no tempo e se o protector será eficaz. Os resultados deste proxecto obtiveron o galardón de mellor Conference Paper no X Congreso MetroArcheo2024, celebrado o pasado mes de outubro en Malta.

O CINTECX Annual Challenge é unha convocatoria competitiva e aberta a todo o persoal investigador do centro, que debe presentar unha proposta colaborativa entre diferentes grupos de investigación pertencentes a el. O proxecto ten unha duración dun ano natural, e durante os seus últimos meses, para tentar chegar a unha audiencia ampla, os seus resultados preséntanse nun evento específico e realízanse actividades de difusión.

Máis información

Duvi

CINTECX Challenge