Imaxe: Foto de familia das e dos participantes nos obradoiros Elas Fan TIC (Duvi)
A EET persevera na atracción de vocacións femininas con ‘Elas Fan TIC’
Aínda que persiste o desequilibrio, a matrícula de mulleres incrementouse nos últimos cursos
O pasado venres a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico celebrou a xornada Elas Fan TIC, unha iniciativa con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena nas TIC. É unha cita que a Unión Internacional de Telecomunicacións celebra desde 2011 cada cuarto xoves de abril para potenciar as vocacións femininas neste eido. Por motivos de calendario, este ano a EET adiantou a cita ao 21 de febreiro.
Así, coa vocación de diminuír a fenda dixital de xénero, sesenta mozos e mozas de 5º e 6º de Educación Primaria dos colexios Javier Sensat e San Xosé da Guía acudiron ao centro para participar en obradoiros de programación e robótica. A xornada estivo coordinada pola profesora Soledad Torres Guijarro, enlace de Igualdade da EET. Os talleres foron impartidos por estudantes da escola que se prestaron voluntariamente a facelo, con Laura Pardo, de último curso, á cabeza. E contaron co patrocinio da Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía.
Prado, que sempre tivo claro que quería estudar enxeñería, titulación coñecida na súa familia, destaca que nunca se sentiu en desvantaxe como muller a pesar de seren minoría nas aulas. Aproveitou, ademais, para declararse encantada de poder colaborar coa profesora Torres e coa directora da escola, Rebeca Díaz Redondo, neste tipo de actividades.
Leve incremento de matrícula feminina, pero con ampla marxe de mellora
Actualmente, tan só un 20% do alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación son mulleres. É unha cifra que concorda coas estatísticas que reflicten un baixo interese á hora de optar por titulacións universitarias relacionadas coas TIC. Naturalmente, hai que ter en conta o impacto que isto ten no mundo laboral. Por iso a escola viguesa leva anos organizando actividades de sensibilización como as da pasada semana, abrindo as portas ao alumnado de etapas preuniversitarias e amosando as posibilidades destes estudos.
Soledad Torres coida que todas estas actividades de promoción con perspectiva de xénero comezan a dar froitos, aínda que hai que seguir traballando en accións que visibilicen o papel das mulleres nas TIC. Así, a tendencia dos últimos anos é positiva, cunha porcentaxe de mulleres matriculadas en primeiro curso (incluíndo a titulación en español e en inglés) do 25%, fronte a un 21% no curso 2023/2024 e un 19% no 2022/2023.
Máis información