Imaxe: a aula aberta á Tecnociencia da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía durante un dos obradoiros de Elas Fan CienTec (Duvi)
Elas Fan CienTec: a relevancia de científicas e tecnólogas
Numerosas actividades chegaron este 11F ás tres escolas de enxeñaría
A Universidade de Vigo e o Campus Vigo Tecnolóxico están a celebrar, como non podía ser doutro xeito, o 11F, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, cun amplo abano de actividades. No día de onte as protagonistas foron as alumnas de Ensino Secundario Obrigatorio que participaron nos obradoiros Elas Fan CienTec. Trátase de iniciativas que lles dan a oportunidade de experimentar e protagonizar a ciencia e a tecnoloxía. Tamén de coñecer persoalmente a mulleres de súa contorna que son grandes referentes neste eido. Os obradoiros están artellados por científicas e tecnólogas da Universidade de Vigo coa colaboración da Unidade de Cultura Científica.
Houbo actividades nas tres escolas do Campus Vigo Tecnolóxico: na Escola de Enxeñaría Industrial foron recibidas pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini Marín. Foi, xunto con Xanel Vecino Bello, enxeñeira e subdirectora de alumnado do centro, a encargada da benvida. “Oxalá non houbese que celebrar este día, que houbese igualdade entre o número de mulleres e homes que estudan carreiras do ámbito tecnolóxico, pero a realidade non é esa, e por iso, mentres iso non aconteza, é importante que levemos a cabo todo tipo de actividades para facer visible o papel das mulleres nestes dous ámbitos”, aseverou.
Caparrini, xeóloga e docente na Escola de Minas e Enerxía, expresou que se trata tanto de facer visible o papel non só das científicas e tecnólogas pioneiras, senón tamén das investigadoras que traballan día a día para conseguir avances que melloran a vida das persoas. Tamén, de espertar vocacións científicas e tecnolóxicas, “que ningunha se quede sen estudar unha carreira científica ou tecnolóxica se é o que lle gusta ou lle apetece”, afirmou.
Nas tres escolas de enxeñaría
Á EEI acudiron 43 alumnas do IES Monte Carrasco de Cangas. Ademais da participación nas actividades do 11F, puideron visitar as JAI, as xornadas sobre automatización industrial que se celebran esta semana no centro. Alí coñeceron de preto varios robots e autómatas e empresas do sector. Tiveron tamén ocasión de escoitar o testemuño de preto dunha vintena de profesoras e investigadoras, que lles explicaron as liñas mestras do seu traballo. Constataron así que detrás dos avances científicos hai tamén moitas mulleres con talento e dedicación.
Pola súa banda, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía participaron 28 alumnas do IES Ricardo Mella. Dividíronse en grupos para catro talleres: The wall, unha competición para construír o muro de terra armada máis resistente; The science games: catching fire, xincana sobre os principais conceptos de combustión e as súas aplicacións; un taller de pinturas e minerais e un quebracabezas moi singular: consistiu en relacionar o mineral do que se extraen diferentes metais moi presentes no noso día a día.
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación recibiu a case 60 alumnas do IES Castelao de Vigo. Puideron visitar os laboratorios de Acústica e Procesado de Sinal e participar nos talleres “Detectives de imaxes” e “Robótica con CuteBot”. O primeiro tratou sobre a detección de imaxes manipuladas, que con frecuencia se empregan para espallar información falsa por Internet. Nel puideron botar unha ollada a ferramentas de análise forense de imaxes. No segundo aprenderon a programar un robot, con funcións como seguir unha liña, avanzar evitando obstáculos ou prender as luces en función da luz ambiental.
Ademais, ata finais de mes, continúa no CINTECX a mostra “Mulleres investigadoras CINTECX 2025”. As conmemoracións estendéronse por toda a UVigo, con actividades no CINBIO, a entrega dos premios Marie Tharp por parte do CIM, eXXperimenta en feminino este venres no campus de Ourense, entre outras moitas. Ademais, a Unidade de Igualdade enviou a 88 centros de secundaria da provincia de Pontevedra unha mostra do proxecto Bravxs, iniciativa ilustrada por Marta Riera que recolle figuras femininas destacadas en diversos ámbitos de coñecemento.
Máis información