Imaxe: Ángeles Sanromán (Duvi)
Ángeles Sanromán, nova directora do CINTECX
Sucede no cargo a Concepción Paz Penín
Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo, é desde a semana pasada nova directora do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico.
Sanromán é responsable do grupo de investigación Bioenxeñaría e procesos sostibles (Biosuv), de referencia internacional. A súa traxectoria investigadora céntrase na área da Enxeñería de Procesos Biotecnolóxicos e Tecnoloxía Ambiental. Fíxose temporalmente cargo da dirección do CINTECX en xuño de 2019, cando o Consello de Goberno da UVigo aprobou a creación deste centro para coordinar e potenciar os grupos de investigación que traballan nos ámbitos da enxeñaría en liñas relacionadas cos eidos da industria e a enerxía. Sucede no posto a Concepción Paz Penín, cuxa traxectoria foi recoñecida o pasado ano co Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas. Ademais, durante o seu mandato CINTECX conseguiu o distintivo de Igualdade da universidade.
Entre outros moitos méritos, no currículo de Ángeles Sanromán destaca a medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia Galega de Ciencias. Foille outorgada en outubro de 2022 en recoñecemento aos seus “extraordinarios méritos como investigadora no campo da Enxeñaría Química, a súa capacidade de formación de mozos investigadores e o impacto na contorna económico-social da transferencia dos seus resultados de investigación”. Tras ter participado en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, a última de 2020, Sanromán forma parte do reducido grupo de investigadoras e investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da Universidade de Stanford.
👩🔬A RAGC recoñece a traxectoria de 5 científicas/os da @UniversidadeUSC e @uvigo coas Medallas de Investigación 2022
🏅Jesús L. Romalde, Ramón Máiz, Mª Ángeles Sanromán, @JorgeMiraUSC e @PastorizaIsabel recibirán a súa distinción no acto do Día da Ciencia en Galicia (6 outubro) pic.twitter.com/IlKaiektZj
— RA Galega Ciencias (@RAGalegaCiencia) September 29, 2022
Rede de centros CIGUS
Tras tomar posesión do cargo o pasado martes á tarde nun acto ao que asistiu o reitor, Manuel Reigosa Roger, e a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio Armesto, Sanromán asistiu na Cidade da Cultura á xuntanza do conselleiro de Educación e Ciencia Román Rodríguez cos responsables da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, os denominados centros CIGUS, aos que o CINTECX acaba de incorporarse como centro colaborativo, categoría creada este mesmo ano.
Por parte da Universidade de Vigo a xuntanza contou coa participación da vicerreitora Belén Rubio, así como responsables dos outros centros da UVigo que forman parte desta rede: atlanTTic, CINBIO e CIM, xunto con Ecobas, que se incorporou este ano como centro colaborativo, igual ca CINTECX.
CINTECX nace en 2019 para consolidar as capacidades de investigación en tecnoloxías industriais da UVigo. Sucede ao MTI (Módulo de Tecnoloxía Industrial) e á agrupación estratéxica INEX, que en 2018 involucraba xa a 26 grupos de investigación.
Máis información