A semana pasada, atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, presentou Celia, un asistente de conversa destinado a combater a soidade non desexada entre as persoas de idade avanzada. Ademais, Celia sirve tamén como ferramenta para detectar de forma precoz enfermidades cognitivas neurodexenerativas.
O proxecto busca, pois, dar resposta a dous dos retos máis complexos na nosa sociedade, que presenta un alto grao de avellentamento. Botou a andar hai xa 5 anos, e como sinala o seu director, Francisco Javier González Castaño, “trátase dun proxecto innovador de intelixencia artificial co que mellorar a calidade de vida das persoas de idades avanzadas en varios contextos, no emocional e no sanitario”.
Segundo datos do INE, o Instituto Nacional de Estatística, en España hai un total de 9,7 millóns de persoas maiores de 65 anos, e as previsións sinalan que nas próximas décadas esta cifra acadará os 15 millóns. Destas persoas, actualmente máis de 2 millóns viven soas; en 20 anos serán 7 millóns.
Enfermidades neurodexenerativas
Ademais do aspecto emocional, Celia pon o foco tamén no aspecto sanitario, pois é quen de avaliar a saúde cognitiva a través da análise de linguaxe e voz. Isto, segundo explican desde o grupo de investigación, é posible grazas ao carácter biométrico da voz, pois dela é posible extraer indicadores sobre doenzas neurolóxicas, emocionais ou cardiorrespiratorias. No futuro ampliarase a cantidade de patoloxías a controlar grazas ao emprego de técnicas baseadas en intelixencia artificial.
Ferramenta única
A gran diferenza entre Celia e outros asistentes de conversa é que esta ferramenta deseñada por atlanTTic ten iniciativa para comunicarse coas persoas usuarias sen necesidade de recibir unha orde previa. Isto, explica o equipo de investigación, xera empatía en quen a utiliza. Queda patente en que durante o período de probas en centros de coidados de maiores o 75% de persoas que a empregaron solicitou continuar a facelo; o 85% no caso daquelas persoas que probaron Celia baixo coidados de atención domiciliaria.
Celia conta co apoio do Programa Ignicia de GAIN, a Axencia Galega de Innovación, e a Fundación Barrié e pódese descargar de xeito gratuíto en celiatecuida.com ou engadindo o teléfono 655 64 14 45 á lista de contactos para despois iniciar unha conversa en WhatsApp. Conta con varios módulos de conversa axustables, como adiviñanzas ou lecturas de prensa. Proximamente finalizarase a súa adaptación á lingua galega.