O Foro Tecnolóxico de Emprego acada a súa máxima excelencia en 25 anos

Vigo TecnolóxicoActualidadeO Foro Tecnolóxico de Emprego acada a súa máxima excelencia en 25 anos
Inauguración do XXV Foro Tecnolóxico de Emprego

Imaxe: Patricia Leal, organizadora do primeiro Foro; a directora da EME, Elena Alonso; o reitor, Manuel Reigosa; o delegado da Zona Franca, David Regades; a concelleira Ana Mejías; o director da EEI, José Fariña; o coordinador do Foro, Iago Vázquez; e Pedro Rodríguez, subdirector da EET,  na inauguración (Duvi)

O Foro Tecnolóxico de Emprego acada a súa máxima excelencia en 25 anos

Dous días repletos de actividades na XXV edición

A XXV edición do Foro Tecnolóxico de Emprego arrancou onte nas escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico. Confírmase, ademais, como o evento máis grande destas características celebrado en España, e mesmo en Europa, en palabras de Iago Vázquez, o seu coordinador xeral. Trátase dunha feira de emprego centrada no eido das enxeñarías que está impulsada integramente por estudantes e dirixida tamén a estudantes. Nesta edición, que remata no día de hoxe, están a participar 51 compañías de todos os sectores tecnolóxicos, dez máis que na edición precedente.

Na organización, un equipo de coordinación composto por 17 estudantes das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico (Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación), ademais doutros 139 alumnos e alumnas colaboradores.

Recoñecemento do traballo dos últimos 25 anos

No acto institucional de inauguración o coordinador xeral, Iago Vázquez, destacou que o Foro representa para o alumnado da UVigo unha oportunidade única  para comezar a construír as súas carreiras profesionais, achegándose ás empresas para dar o seu primeiro paso cara o seu futuro laboral. Puxo en valor a importancia da colaboración entre a Universidade e o tecido empresarial, e de eventos coma este que fortalecen eses lazos. Agradeceu a colaboración de todas as empresas e o seu recoñecemento do potencial dos e das estudantes.

Na inauguración desta 25ª edición tan especial estivo Patricia Leal, fundadora do primeiro Foro Tecnolóxico de Emprego en 2001 e actualmente Global Head of Social Services at Minsait en Indra. Leal amosouse emocionada de comprobar que a iniciativa que contribuíu a crear segue adiante, e con máis vigor ca nunca. Lembrou como naquela primeira edición as empresas de Madrid se sorprendían da existencia das enxeñarías de Vigo, hoxe internacionalmente coñecidas. E agradeceu a todos os equipos que pasaron pola organización ter mantido a chama do foro viva. “Non podo estar máis orgullosa da miña Universidade, da calidade humana e profesional dos enxeñeiros que aquí se forman”, aseverou.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, agradeceu o traballo do alumnado, a implicación das empresas e salientou a importancia das novas xeracións de profesionais para construír unha sociedade máis xusta. En representación do Concello de Vigo acudiu a docente e concelleira Ana Mejías Sacaluga, e tamén asistiu David Regades Fernández, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo. Canda eles, representantes das tres escolas de Enxeñaría: Elena Alonso Prieto, directora da EE de Minas e Enerxía; José Fariña Rodríguez, director da EE Industrial; e Pedro Rodríguez Hernández, subdirector da EE de Telecomunicación.

Unha manchea de actividades

Durante os dous días de celebración do Foro as tres escolas de enxeñaría acollen relatorios, mesas redondas, obradoiros e dúas sesións de speed recruiting, dinámica de entrevistas curtas con representantes de empresas. Mais a cerna do evento segue a ser a feira de emprego, con 51 postos doutras tantas compañías que buscan captar talento na UVigo. Entre elas, Applus, Borgwarner, Ceaga, Egatel, Finsa, Gradiant, Grupo Oesía, Indra, KPMG, Marine Instruments, Norvento, Optare Solutions, Televés ou a spin-off da UVigo Alén Space.

Ademais, por vez primeira acude ao Foro Tecnolóxico alumnado dos campus de Ourense e Pontevedra, procedente das escolas de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Enxeñaría Agraria e Enxeñaría Forestal. Así, a presente edición é de récord non só na cantidade de empresas participantes, senón tamén no número de estudantes asistentes. Vai camiño de superar as cifras da edición do ano pasado, con 1200 participantes e máis de 300 currículos entregados a empresas. A organización estima que en torno ao 90% das prácticas curriculares e extra curriculares do alumnado fórxanse no foro.

Máis información

Duvi

Foro Tecnolóxico de Emprego