Na imaxe (de esquerda a dereita): José Luis Rodríguez Rodríguez (coordinador de organización), Belén Parente Artime (comunicación), Manuel Reigosa Roger (reitor), Iago Vázquez Quiroga (coordinador xeral) e responsables das escolas de enxeñaría; Rebeca Díaz Redondo (directora da EET), María Araújo (subdirectora da EME) e José Fariña (director da EEI).
O Foro Tecnolóxico de Emprego chega á súa XXV edición con mellor saúde que nunca
Convértese na feira deste tipo máis grande de España organizada integramente por estudantes
Os vindeiros 11 e 12 de marzo celebrarase nas escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico unha edición moi especial do Foro Tecnolóxico de Emprego: este evento chega ao seu primeiro cuarto de século. Será, ademais, unha edición de récord, con máis de 50 empresas participantes, fronte ás 33 de hai dúas edicións. A presentación foi o pasado xoves no edificio Redeiras, con Iago Vázquez Quiroga, coordinador xeral, José Luís Rodríguez Rodríguez, coordinador de organización, e Belén Parente Artime, responsable de comunicación.
O equipo conta un total de 17 integrantes das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico (EE Industrial, EE de Minas e Enerxía e EE de Telecomunicación). O seu esforzo e o de equipos das edicións pasadas fai que o foro sexa a feira de emprego máis grande de España organizada exclusivamente por alumnado.
Un éxito que proporciona oportunidades e competencias complementarias ao alumnado
Xunto coa organización, no evento de presentación tamén estiveron o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, e responsables das tres escolas de enxeñaría (José Fariña, director da EE de Enxeñaría Industrial; Rebeca Díaz Redondo, directora da EE de Enxeñaría de Telecomunicación; e María Araújo, subdirectora da EE de Minas e Enerxía). Todos eles felicitaron á organización por sacar adiante un evento coma este e mantelo vivo por 25 anos. O reitor agradeceu aos 139 colaboradores e 17 organizadores que fan posible o evento o seu traballo, compromiso e implicación. Augurou un gran éxito para esta vindeira edición, en base ás cifras acadadas.
A directora da EET, Rebeca Díaz, referiuse ao foro como “caso paradigmático de éxito”, mentres que a subdirectora da EEME, María Araújo, puxo en valor a oportunidade que ofrece para o primeiro achegamento ao mundo profesional, e José Fariña, director da EEI, subliñou a adquisición por parte do alumnado de competencias que non se abordan suficientemente na aula, como a comunicación, a proactividade ou o traballo en equipo.
Máis oportunidades de achegarse ao mundo laboral
Desde a organización, Iago Vázquez explicou que en anos anteriores había empresas que querían participar e quedaron fóra, polo que decidiron ampliar a feira, con 10 empresas máis que en 2024 e 18 máis que en 2023. En total estarán presentes 51 empresas tecnolóxicas de todo tipo, desde compañías galegas e da área metropolitana de Vigo ata grandes multinacionais. Entre elas, Alén Space, Borgwarner, Applus, Egatel, Finsa, Gradiant, Oesía, Indra, KPMG, Marine Instruments, Norvento, Optare Solutions ou Televés.
Esta edición será tamén de récord no que se refire ao alumnado implicado: 17 persoas na coordinación e 139 colaborando desde as tres escolas de enxeñaría. Ademais, este ano o foro ábrese a estudantes doutros campus da UVigo, coa asistencia de alumnado das escolas de Enxeñaría Informática, Enxeñaría Agraria e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense e de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.
No que se refire ao programa, esta edición centra o seu esforzo na organización de obradoiros que acheguen o máximo valor posible ao alumnado. Non faltará o speed recruiting, moi valorado polas persoas asistentes e que consiste nunha dinámica de entrevistas curtas. Tamén se recupera o formato de mesas redondas con responsables de persoal de grandes empresas.
O aumento das empresas participantes leva tamén a ampliar espazos: así, os postos das compañías instalaranse nos vestíbulos da EEI e da EEME, nos corredores da EEME e no segundo piso da EEI. As conferencias serán en aulas da EET e a mesa redonda no salón de actos da EEI. Os actos de inauguración e peche, no salón de actos da EET, de igual xeito que o speed recruiting.
Máis información