Imaxe: Jorge López (2ª persoa pola esquerda) Andrea Rodríguez (5ª) e Lucía Castrillo (6ª) son os mellores expedientes deste curso na EET. No centro, Rebeca Díaz Redondo, directora da EET (Duvi).
O talento do futuro en Enxeñaría de Telecomunicación
A EET premia os mellores expedientes de entrada e presenta os III Teleco Games
Tres dos mellores expedientes de Galicia na ABAU 2024 elixiron estudar o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación (na súa modalidade en inglés) no Campus Vigo Tecnolóxico: os seus nomes son Andrea Rodríguez, Jorge López e Lucía Castrillo. Son estudantes que entraron na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación cunha nota superior a 13, e que recibiron o pasado venres os premios que o centro outorga aos mellores expedientes de entrada. Teñen dotación de 2000 euros achegada por tres das empresas integrantes da rede de Compañías ConexiónTeleco: BorgWarner, Technica Engineering e Cátedra R en Ciberseguridade.
Este acto de entrega compartiu protagonismo coa presentación da terceira edición da Olimpíada Nacional de Teleco, os Teleco Games. É unha iniciativa dirixida a potenciar a cultura científica, a innovación e as vocacións entre o alumnado de ESO, Bacharelato e FP de todo o estado. Os proxectos que deberán presentar na vindeira edición teñen que estar ligados a dar solucións ao obxectivo de desenvolvemento sostible nº 7: enerxía sostible e non contaminante.
Futuro prometedor
Tras unha pequena intervención por parte dos representantes das empresas, na que felicitaron as e os premiados polo seu talento e esforzo, foron recollendo os seus diplomas. A primeira en facelo foi Andrea Rodríguez, que recolleu o premio de mans de Telmo Calle, director do Centro Técnico Español para Electrónica de BorgWarner; a continuación, Jorge López recibiu o galardón da man de David Román, office manager en Technica Engineering Spain e, por último, fíxoo Lucía Ramos, gañadora do premio Cátedra R en Ciberseguridade, entregado por Alfredo Ramos, director territorial en Galicia de R.
Centro líder en inscricións nas Olimpíadas de Teleco
Antes da entrega das distincións aos mellores expedientes, o salón de actos da EET recibiu o alumnado e profesorado que participará na III Olimpíada Nacional de Teleco. Esta competición celébrase simultaneamente en máis de 20 escolas de enxeñaría de toda España coa colaboración do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación. A final terá lugar en de abril e na fase viguesa competirán 265 estudantes de 23 institutos de ensino medio divididos en 56 equipos.
Nesta terceira edición das olimpíadas os equipos terán que crear un prototipo usando calquera placa compatible co IDE de Arduino, que achegue unha solución dentro do ODS 7 (Enerxía alcanzable e non contaminante) utilizando algún tipo de comunicación, como Wi-Fi ou Bluetooth. O alumnado participante terá que achegar proxectos que poñan de manifesto como as telecomunicacións poden contribuír a garantir o acceso a ese tipo de enerxía.
Ao igual que os premios aos mellores expedientes, as olimpíadas contan tamén coa colaboración de empresas da rede ConexiónTeleco: BorgWarner, Indra, Grupo Oesía e Televés.
Máis información