Oracle4Girls: a EET reforza a captación do talento feminino

Vigo TecnolóxicoActualidadeOracle4Girls: a EET reforza a captación do talento feminino
Nenas participando nun obradoiro recente na EET

Imaxe: nenas participando nun obradoiro recente na EET (Duvi)

Oracle4Girls: a EET reforza a captación do talento feminino

A iniciativa, nacida en 2017, chega a Vigo por primeira vez

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación continúa co seu compromiso de potenciar as vocacións femininas no seu eido de coñecemento, nun contexto no que persiste o desequilibrio entre mulleres e homes á hora de optar por estes estudos. Agora, logo de celebrar con éxito as edicións de 2025 de Elas Fan CienTec e de Elas Fan TIC (adiantando a conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena nas TIC), a escola mantén aberto o prazo de inscrición para Oracle4Girls, que se celebrará o sábado 22 de marzo.

Trátase dunha iniciativa da empresa Oracle dirixida a rapazas de entre 4 e 16 anos de idade. Contará con obradoiros deseñados para inspiralas a explorar o seu futuro nas ciencias e a tecnoloxía, fomentando o interese polas carreiras STEM (acrónimo en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas). Estas actividades están distribuídas en catro franxas de idade: 4 a 6 anos, 7 a 9 anos, 10 a 13 anos e 14 a 16 anos. Nelas destacarán, ademais, as oportunidades profesionais no sector das TIC, no que as mulleres seguen a estar infrarrepresentadas.

Actividades para chegar ás familias

Rebeca Díaz Redondo, directora da EET, salienta que para a escola acoller este evento representa unha oportunidade, pois está aliñado coa estratexia do centro para a divulgación das TIC entre estudantes e familias e tamén cara nenas e rapazas. Díaz Redondo está ademais convencida de que achegar a potencialidade dos estudos de telecomunicación a idades temperás axudará a reducir a fenda de xénero que aínda existe no ámbito da enxeñaría. Agradece, ademais, tanto a implicación de Oracle coma a de atlanTTic, o centro de investigación en tecnoloxías da telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico.

Posto que as familias xogan un papel crucial na orientación e apoio nos estudos, esta xornada diríxese tamén a elas. Así, o programa inclúe relatorios para nais e pais, en concreto sobre seguridade nos dispositivos móbiles e sobre a integridade da información na nube. Haberá, ademais, autobuses gratuítos para todas as persoas participantes, con paradas en Areal, Praza de España e Praza de América.

En palabras de Rebeca Díaz, “nun mundo onde as tecnoloxías como a programación, a robótica, a intelixencia artificial e a realidade aumentada están a transformar o futuro, estes talleres non só brindan coñecementos técnicos, senón que tamén celebran o papel das mulleres que, con esforzo e dedicación, abriron camiño nestes campos”.

Máis información

Duvi

Inscrición aquí

Escola de Enxeñaría de Telecomunicación