Imaxes: Belén Riveiro (esquerda) e Fernando Pérez (sostendo a distinción). (Duvi)
Premios para Belén Riveiro, de CINTECX, e Fernando Pérez, de atlanTTic, polo seu labor de investigación
Foron distinguidos en certames organizados por RAGC-UIE e GOETTGA, respectivamente
Os novos premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores xoves, organizados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Internacional de la Empresa, anunciaron esta semana as súas distincións. Resultaron premiadas sete investigadoras, entre elas Belén Riveiro Rodríguez, profesora do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción; tamén investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do CINTECX.
Riveiro recibe o galardón no eido cas Ciencias Técnicas, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para prever colapsos en pontes, estradas e vías férreas.
De entre 63 candidaturas, ademais de Riveiro tamén foron galardoadas Beatriz Pelaz, da USC (Ciencias Básicas) e Cristina Gómez, tamén da USC (Ciencias Sociais). As distincións entregaranse nun acto a celebrar o vindeiro mes.
📢 “Como muller que trata de compatibilizar a carreira académica coa maternidade, recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia excelente”, Belen Riveiro, investigadora #CINTECX.
🏅Premio RAGC-UIE novas investigadorashttps://t.co/yV3EaGm7iK #FEDERGalicia pic.twitter.com/Z5VUyOVG7b— CINTECX (@cintecx) November 26, 2024
Premios Enxeño 2024
A semana pasada, durante o Foro Telecos Galicia 2024, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia (COETTGA), Fernando Pérez González recibiu un dos premios Enxeño 2024, no seu caso na categoría de Excelencia na investigación en Telecomunicación e transferencia á empresa.
Pérez é catedrático de universidade e coordinador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións de atlanTTic. No seu discurso aseverou “xa me daba por máis que premiado, porque en edicións anteriores acadaron este galardón a empresa Optare e o centro tecnolóxico Gradiant, que axudei a poñer en marcha; así como brillantes ex alumnos como Samuel Fernández Menduiña ou Alfonso Álvarez Villamarín; a empresa Televés, coa que levo colaborando durante máis de 25 anos e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, na que levo máis de 30 anos como docente”.
Xunto con Pérez, foron distinguidos tamén Alberto Prieto, director técnico de Tredess; María Xosé Miguéns, B2B account manager en R (MásOrange); Ignacio Otero, subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Radio, TV e Multimedia da Xunta de Galicia; e Iván Castro, CTO en Estrella Galicia.
Parabéns ao noso investigador e catedrático de @EETelecoVigo Fernando Pérez, polo Premio Enxeño á Excelencia na investigación en telecomunicación e transferencia á empresa.
Un orgullo compartido por todo #atlanTTic!
➡️https://t.co/tJ9tMwvr8r#ForoTelecos2024 @COETTGA pic.twitter.com/bX1dGZMDZp
— atlanTTic – UVigo (@atlanTTic_uvigo) November 25, 2024
IA para diagnose da saúde de estruturas
O xurado da primeira edición dos premios RAGC-UIE valorou da candidatura de Belén Riveiro o liderado en novidosas liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial. Deste xeito obras de enxeñaría civil como estradas, pontes ou vías de ferrocarril poden ser examinadas para avaliar o seu estado e anticipar posibles colapsos. Riveiro participa en proxectos tanto nacionais coma internacionais. Publicou resultados en revistas como Nature, que difundiu un traballo sobre riscos de colapso que poden aparecer en pontes. En 2022 recibiu o Premio Nacional de Investigación Matilde Ucelay para novos investigadores e é autora de seis patentes e catro rexistros de software. O financiamento captado como investigadora principal supera os 5,5 millóns de euros. O seu prestixio nacional e internacional levouna a coordinar a Rede nacional en monitorización e inspección para a avaliación de estruturas en servizo, que aglutina os grupos de investigación máis recoñecidos en España á hora de evitar colapsos de infraestruturas. Tamén traballa a divulgación científica, con fincapé no papel da muller nos eidos máis masculinizados.
Máis información