A Universidade de Vigo participará na feira referente do sector industrial Mindtech 2021

Vigo TecnolóxicoA Universidade de Vigo participará na feira referente do sector industrial Mindtech 2021

Do 14 ao 16 de setembro amosará o potencial das súas investigacións no stand F07 do IFEVI

A Universidade de Vigo participará a vindeira semana en Mindtech 2021 (Metal Industry and Technologies International Trade Fair), a feira referente do sector industrial do Polo Ibérico que se celebrará en Vigo do 14 ao 16 de setembro. Organizada por ASIME, Mindtech aglutinará no IFEVI (Instituto Feiral de Vigo) ás empresas líderes do sector industrial do metal e as súas tecnoloxías asociadas, a nivel nacional e internacional.

Entre as máis de 150 entidades asistentes, a Universidade de Vigo exporá no stand número F07 as liñas de investigación nas que traballan as escolas de enxeñaría e os centros do campus Vigo Tecnolóxico, como Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais) e atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación), amosando ao público o seu potencial como xeradores de coñecemento e tecnoloxías para o sector industrial.

Mindtech 2021 suporá un punto de encontro para crear sinerxías con empresas do sector, asistir a conferencias sobre as últimas novidades ou participar en eventos de networking. A feira atraerá a Vigo de novo durante 3 días ás principais industrias do metal, entre as que destacan a automoción, aeronáutica, metalmecánica, estruturas metálicas, enerxías renovables, novas tecnoloxías ou robótica, ofrecendo un escaparate clave para as súas innovacións punteiras.

Fonte: Campus Vigo Tecnolóxico.