A Comunidade Alumni-UVigo faise visible nunha tarde de premios e reencontros

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Comunidade Alumni-UVigo faise visible nunha tarde de premios e reencontros

Egresados e ex reitores foron galardoados no primeiro encontro que celebrou a comunidade

Ano e medio despois de que se iniciasen os trámites para súa creación, máis de 1000 persoas integran a Comunidade Alumni-UVigo, que a tarde de onte celebrou por vez primeira na súa historia, a entrega de premios aos seus membros máis destacados e un encontro posterior. Egresadas e egresados de todas as titulacións oficiais e do Programa Universitario de Maiores, estudantes de intercambio, PDI e PAS, conforman esta comunidade, integrada por un 51% de mulleres e por un 84% de membros que residen en España.

A praza Erasmo foi o escenario desde as 19:00 horas da tarde de onte, mércores 13 de xullo, da entrega dos Premios Alumni nas categorías de Emprendemento, Traxectoria Profesional, Humanidades, Impacto Social e Investigación, aos que concorreron 80 egresadas e egresados e que finalmente galardoaron o labor persoal e profesional de cinco deles: Bibiana Rodiño Janeiro, María Luz Abeijón Vidal, Martín Rodríguez Vázquez, Andrea Ruzo García e Belén Riveiro Rodríguez. Pola súa banda, os cinco ex reitores da UVigo, Luis Espada Recarey, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo Amoedo, Alberto Gago Rodríguez e Salustiano Mato de la Iglesia foron recoñecidos como Alumni UVigo Honorífico polos seus méritos no desenvolvemento da institución académica, mentres que José María Franco, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, converteuse no primeiro Alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa institución.

A vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, foi a primeira en intervir no acto de entrega dos galardóns, no que lembrou que a Comunidade Alumni-UVigo creouse “co obxectivo principal de xerar un novo espazo de comunicación que permita non só manter activo o vínculo entre a Universidade de Vigo e as persoas tituladas ou outros colectivos que mantivesen vinculación académica ou contractual coa institución, senón tamén establecer sinerxías dentro do usuariado que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional”. Unha finalidade, para a que Caparrini sinalou que se está a traballar en cinco liñas estratéxicas: formación ao longo da vida; vantaxes no servizos da UVigo; programas Alumni-UVigo co que os egresados poden participar e colaborar coa institución asumindo diferentes roles como mentor, embaixador ou mecenas; rede Alumni e encontros da Comunidade Alumni.

Premios para as e os mellores egresados

A enxeñeira industrial con especialización en Enxeñaría Mecánica, pola Universidade de Vigo, Bibiana Rodiño Janeiro foi a gañadora do Premio Alumni-Uvigo Emprendemento, ao que tamén concorrían Patricia García González e Marco Antonio Iñarrea Santomé. Bibiana Rodiño é fundadora e CEO de “BETA Implants”, empresa de enxeñería que desde 2019 deseña, desenvolve, fabrica e comercializa implantes específicos para traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria. Pola súa banda, o Premio Alumni-UVigo na modalidade Traxectoria Profesional, ao que tamén concorrían Sonia López Villar e Fernando González Abeijón, recaeu en María Luz Abeijón Vidal. Enxeñeira industrial, traballou en industrias referentes (automoción, enerxía e petróleo) en cinco países e dirixiu equipos internacionais en cinco continentes. Única enxeñeira líder, muller e estranxeira do seu equipo de traballo, María Luz Abeijón actualmente desenvolve a súa profesión en Houston, como experta internacional líder en xestión de calidade na industria petroleira.

No acto celebrado a tarde de onte, que foi conducido pola docente e investigadora da Facultade de Filoloxía e Traducción Susana Barcia, Martín Rodríguez Vázquez recibiu o Premio Alumni-UVigo Humanidades. Graduado en Educación Primaria, os seus traballos exhibíronse en máis de 50 festivais de cinema de todo o mundo, en países como Grecia, Francia, Colombia, Brasil ou Arxentina . Gañador de varios galardóns, como o Premio ao Mellor curto galego no Festival Fancine de Lemos ou Mellor curto no Festitmage de Catalunya, algúns dos seus videoclip emitíronse pola MTV, ademais de ser seleccionado como os mellores videoclips nacionais. Nesta categoría, Román Corbato e Rosanna Ojea competiron polo galardón con Martín Rodríguez. Mentres, o Premio Alumni-Uvigo Impacto Social foille entregado a Andrea Ruzo García, licenciada en Tradución e Interpretación, que leva máis de 12 anos traballando no deseño e na implementación de proxectos de sustentabilidade social e ambiental en todo o mundo. En 2020 cofundou FieldsData, unha organización galardoada pola Cruz Vermella, que busca aumentar a transparencia do sector humanitario. Seleccionada polo Banco Santander como unha das líderes con maior potencial do ano 2020, dende hai poucos meses dirixe a Fundación Ecoalf. María de las Nieves Márquez Abralde e Jorge Fortes Nogueira foron os outros dous finalistas a esta categoría.

Belén Riveiro Rodríguez recibiu o Premio Alumni-UVigo Investigación, ao que tamén concorrían Mónica Carrera Mouriño e Víctor Arufe Giraldez. Enxeñeira Técnica Forestal e doutora pola Universidade de Vigo, Belén Riveiro foi investigadora principal en varios proxectos en concorrencia competitiva de programas nacionais e internacionais, publicou máis de 80 artigos científicos, e é autora de sete patentes (tres delas con contrato de explotación). Galardoada cunha Medalla Juan López de Peñalver da Real Academia de Enxeñería nos Premios a Mozos Investigadores, tamén recibiu o Premio á Investigación 2006 da Deputación de Pontevedra na categoría Tese de Licenciatura e Proxectos Fin de Carreira en Ciencia e Tecnoloxía.

Galardóns para o pioneiro dos Alumni e para os ex reitores

Cos recoñecementos Alumni-UVigo honorífico e Alumni-UVigo distinguido, a Universidade recoñeceu onte, no primeiro caso, aos ex reitores Luis Espada Recarey, José Antonio Rodríguez Vázquez, Domingo Docampo Amoedo, Alberto Gago Rodríguez e Salustiano Mato de la Iglesia polos seus méritos no desenvolvemento da institución académica. Mentres Espada lembrou que desde a súa creación e ata a actualidade na UVigo tituláronse preto de 110.000 persoas; Rodríguez Vázquez agradeceu o galardón e destacou a importancia deste acto como os que “fan universidade”. Pola súa banda, Docampo referiuse ás dificultades que leva implícito o cargo de reitor, aegurando que “para chegar onde estamos agora hai que levar machete. Son tempos duros, nos que fixo falta que todo o mundo colaborara”, dixo o ex reitor que se referiu ao alumnado como “o mellor patrimonio que ten a universidade”. Mentres, Alberto Gago e Salustiano Mato, que non asistiron de xeito presencial ao act, gabaron a través de cadanseu vídeo, no primeiro caso, a decisión da Reitoría de poñer en marcha a Comunidade Alumni-UVigo, “unha liña estratéxica, continuamente adiada por outras máis perentorias”, dixo Gago, que cualificou de honra a súa distinción. Mato agradeceu o recoñecemento, ao tempo que asegurou que “foi unha honra ter traballado e servido á Universidade os anos que me tocaron”.

No primeiro acto celebrado pola Comuidade Alumni- UVigo, José María Franco, presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, foi recoñecido como Alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa institución. O presidente do Consello Social da UVigo foi o encargado de entregarlle o galardón a Franco, no que exemplificou o traballo desenvolvido por moitas outras persoas que fixeron posible a constitución dunha comunidade alumni, ao tempo que gabou a importancia das e dos egresados que “son o mellor camiño para que a universidade medre en aprecio, confianza e valoración social, relacións, influencias e afectos”, dixo Pedrosa. O presidente da Asociación de Antigos Alumnos e Alumni da UVigo, José María Franco, incidiu no seu discurso na importancia da internacionalización da institución académica, que este curso acolleu máis de 600 alumnos e alumnas estranxeiros, así como no valor do traballo realizado polos consellos sociais.

O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de pechar o acto cunha intervención  na que se recoñeceu herdeiro do traballo feito polos seus antecesores no cargo, ao tempo que felicitou aos alumni premiados e a José María Franco. Reigosa rememorou a creación da UVigo hai máis de 30 anos, así como as súas orixes nas escolas de Comercio e Peritos e posteriormente nos colexios universitarios e referiuse á “proximidade, ao compromiso coa contorna e á aposta pola calidade” como os piares dunha universidade “competitiva e comprometida cos temas sociais”, que se atopa, logo de tres décadas de existencia, entre as 500 ou 600 mellores do mundo. O reitor rematou a súa intervención lembrando as tres liñas de futuro básicas da institución: a aposta pola lingua e cultura galegas, a internacionalización e a igualdade.

 

Fonte: DUVI