Na imaxe: Elena Rivo, Concepción Paz Penín, Miguel Corgos e Sandra Vázquez (Duvi)
A profesora da Universidade de Vigo e directora do Centro de Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) Concepción Paz Penín, converteuse este martes na décimo sétima investigadora que recibe o Premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas.
Catedrática do Departamento de Enxeñaría mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos, Paz Penín recibiu o galardón de mans da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo López, e do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado. O acto de entrega celebrouse no edificio Redeiras, sede institucional da UVigo, na tarde deste martes. O evento contou tamén coa presenza do reitor, Manuel Reigosa Roger, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a secretaria xeral de Igualdade, Sandra Vázquez. A conselleira destacou a traxectoria da galardoada e puxo en valor que como directora do CINTECX desde 2020 está a traballar para situar este centro na vangarda da investigación e desenvolvemento en sectores claves para Galicia como son as enerxías renovables, a eficiencia enerxética ou a intelixencia artificial.
⚠️A directora do @cintecx, Concepción Paz, recolle o premio María Josefa Wonenburger pola súa especialización e o seu elevado índice de impacto como investigadora.
➡️ https://t.co/hkG86s0wPk#UVigo100x100 #SempreUVigo #VivoUVigo #SomosUVigo pic.twitter.com/Ggsv4h0q6v
— Universidade de Vigo (@uvigo) December 20, 2023
O premio María Josefa Wonenburger, na honra da investigadora e matemática galega pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias, creado para distinguir as mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía. Pon de relevo a importancia da carreira da directora do CINTECX, cuxo traballo fora distinguido xa en 2017 co Premio de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia. Ten dirixido sete teses de doutoramento e numerosas publicacións en revistas académicas de alto nivel. Así desde 2005, conseguiu máis de 5,5 millóns de euros de ingresos en proxectos nacionais, autonómicos e colaboracións con empresas; e máis de 8 millóns captados en proxectos como investigadora participante.
Antes que Paz Penín, en 2014 tamén recibiu o Premio María Josefa Wonenburger a catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Carmen García Mateo, unha das primeiras docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en Vigo e, naquel momento, unha das oito catedráticas en Teoría do Sinal que había en España. Nos últimos anos foron merecedoras deste recoñecemento mulleres como Amparo Alonso, catedrática de Ciencias da Computación de intelixencia artificial na Universidade da Coruña; Mabel Loza, farmacéutica referente no descubrimento de medicamentos, Victoria Lareu, catedrática de medicina legal e forense, ou o pasado ano a matemática María Elena Vázquez Cendón.
Máis información no Duvi.