Xunto con UVigo Motorsport e outras 3 asociacións recibirán 1.000 €
As asociacións estudantís Uvigo SpaceLab e CES UVigo, que contan co patrocinio co Campus Vigo Tecnolóxico, resultaron adxudicatarias das subvencións outorgadas pola universidade, xunto con UVigo Motorsport, a Asociación de alumnos e exalumnos sénior ASAEXS, a Aula de Formación Aberta e o Coro Sénior do Campus de Vigo.
A contía total das axudas ascende a 6.000 euros, destinados a cubrir total ou parcialmente o custo ocasionado ao alumnado pola participación en actividades de interese educativo que favorezan a súa formación integral. Trátase, en definitiva, de apoiar a organización de actividades e de estimular a participación estudantil na dinamización sociocultural.
Trimarán solar e un próximo cubesat
CES UVigo (Clean Energy Ship) creouse en 2021 co obxectivo de construír e perfeccionar unha embarcación propulsada exclusivamente por enerxía solar. Así, o pasado mes de setembro presentaron la Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o Boeiro I, un trimarán de seis metros de eslora e dous de manga. No seu equipo hai actualmente unha vintena de alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico: Industrial, Telecomunicación e Minas e Enerxía. Daquela estaban a barallar a participación en distintas competicións europeas en función da súa relevancia e os custos derivados.
UVigo SpaceLab creouse no ano 2020, sucedendo o éxito do traballo que desde a UVigo se fixera no campo aeroespacial, e que dera como froito o lanzamento de catro nanosatélites entre os anos 2008 e 2018. No SpaceLab traballan estudantes das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Industrial, Aeronáutica e do Espazo e Informática. En 2022 conseguiron gañar o concurso Space Universities Cubesat Challenge (SUCC) e en 2025 teñen previsto pór en órbita o satélite BIXO, Bacteriological Intercommunication Experiment Orbiter, que levará ao espazo unha carga biolóxica co obxecto de estudar como lle afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial.
Cada unha das asociacións recibirá unha achega de 1.000 euros.