O número de participantes duplicará o da primeira edición
441 estudantes de 20 centros de ensino secundario de toda Galicia participarán os vindeiros 25, 26 e 27 de abril nas II Olimpíadas de Teleco. Esta iniciativa púxose en marcha o curso pasado a nivel nacional da man de 20 escolas de enxeñaría de telecomunicación de toda España (que pasan a 25 nesta próxima edición) e COITT, Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Comunicación. Este anuncio tivo lugar o pasado xoves da man de Rebeca Díaz, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, durante a presentación do evento. Ademais, durante o acto entregáronse dous premios de 2000 euros, financiados polas empresas Optare Solutions e BorgWarner, a Rocío Fernández Álvarez e Iván González García, cuxos expedientes foron os mellores no acceso á EET neste curso 2023/2024.
Esta mañá entregamos os premios ao estudantado de novo ingreso con mellor expediente 👏 Parabéns a Rocío Fernández e a Iván Gónzález polo seu traballo!
E grazas ás empresas de #ConexionTeleco @optaresolutions e @BorgWarner polo patrocinio.#beTelecoVigo pic.twitter.com/SeR4yXwmiV
— E.E. Teleco Vigo (@EETelecoVigo) January 25, 2024
Dos máis de 400 estudantes que fixeron a súa inscrición, 120 acudiron presencialmente á presentación, e un número semellante seguiron o acto en liña. Na primeira edición o reto consistira en deseñar e desenvolver prototipos e solucións baseadas na enxeñaría de telecomunicación e aliñadas co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 11 da Axenda 2030 (referido ás cidades e comunidades sostibles). Desta volta, o ODS no punto de mira será o 3: saúde e benestar.
Desenvolvemento das Olimpíadas
Logo da xornada de presentación, proximamente haberá dúas sesións formativas en liña. O 25 de abril terán lugar as competicións da categoría de estudantes de ESO; o 26 de abril, para Formación Profesional e Bacharelato por equipos; e o 27 de abril para a categoría individual de Bacharelato. A directora da EET aproveitou para agradecer a implicación que teñen neste proxecto as catro empresas patrocinadoras “pertencentes á nosa rede de empresas colaboradoras conexiónTeleco” (Cátedra Indra, Cátedra R, BorgWarner e Televés).
Trala fase local desta Olimpíada Nacional de Teleco, xestionada pola EET viguesa, terá lugar a fase nacional, na que competirán os proxectos gañadores das competicións locais. Os premios que se repartirán en Vigo serán de 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica e outros 400 euros para o instituto ao que pertenza, 300 euros para o equipo que teña a proposta máis orixinal e 200 euros para o equipo coa proposta máis aliñada co ODS 3. No caso dos premios individuais, novidade deste ano, haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200. Na primeira edición, 3 dos 8 premios nacionais corresponderon a equipos clasificados na EET de Vigo.
Onte foi a xornada de presentación das II #OlimpiadasTeleco @TelecoGames para os 441 inscritos nesta edición na fase local👏
Estamos felices de ter duplicado a participación respecto ao pasado ano, e con gana de ver as súas propostas relacionadas coa saúde e o benestar! pic.twitter.com/Cos0oBzZKW
— E.E. Teleco Vigo (@EETelecoVigo) January 26, 2024
Máis información: Duvi