Os centros de Vigo Tecnolóxico súmanse á celebración do 11 de febreiro con actividades durante todo o mes
Como cada mes de febreiro, a Universidade de Vigo ten preparadas para os vindeiros días unha chea de actividades para a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que será o vindeiro 11 de febreiro.
As diferentes propostas, que van desde obradoiros a feiras divulgativas ou coloquios, están impulsadas principalmente polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, as facultades e escolas da UVigo, así como pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i), en colaboración coa FECYT, e a Unidade de Igualdade.
atlanTTIC: Conectando en igualdade, a transformación do futuro tecnolóxico
O centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación programou para o 22 de febreiro a segunda xornada do ciclo “Conectando en igualdade”. Tras unha primeira edición celebrada o pasado mes de decembro e na que cinco enxeñeiras falaron das súas experiencias, esta segunda sesión estará centrada na intelixencia artificial e as cuestións relativas á igualdade nese ámbito. O evento terá lugar o xoves 22 de 11:00 a 13:30 h na sala 1 do Edificio Miralles e tamén se poderá seguir en directo en UVigo TV. Cómpre inscribirse na web de atlanTTic.
CINTECX: cámara aberta ás mulleres STEM
O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais convida a investigadoras e estudantes a contar a súa experiencia nunha “cámara aberta”, un espazo no que poderán relatar as súas experiencias, desde a etapa escolar á súa carreira científico-tecnolóxica. Os materiais rexistrados serán difundidos en formato vídeo coa fin de contribuír a fomentar as vocacións científicas entre as estudantes de secundaria e bacharelato. Será entre o 14 e o 16 de febreiro en horario de 9 a 15 h no propio CINTECX.
📢 🟣CINTECX únese ás actividades organizadas pola @UCC_UVigo para conmemorar o Día da muller e da nena na ciencia 👩🔬 👩👧 na @UVigo cunha cámara aberta ás mulleres #STEM
👉 Esperámosvos os días 14 ao 16 de febreiro de 9.00 a 15.00 horas en CINTECX
👉https://t.co/KABqKNCE9v pic.twitter.com/UZCf7XyqS1— CINTECX (@cintecx) January 30, 2024
Elas fan CienTec
Este programa de obradoiros para rapazas de educación secundaria chegará á súa oitava edición o vindeiro 8 de febreiro. Organizado por docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, contará con catro centros educativos da provincia de Pontevedra. Entre as actividades que se realizarán, na Escola de Enxeñaría Industrial haberá obradoiros de termografía infravermella e de deseño e prototipado; na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía terán lugar o concurso grupal «The Wall», a xincana «The She-Cience Games: Catching Fire» e unha actividade de recoñecemento de minerais; e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación as actividades programadas son “Detectives de imaxes”, programación dun xogo con Scratch e introdución á programación web e o seu funcionamento.
Mulleres enxeñeiras de éxito
Ademais de todas estas actividades, a Escola de Enxeñería Industrial, en colaboración coa Unión de Asociacións de Enxeñeiros Técnicos Industriais e Graduados en Enxeñería da rama industrial de España, presenta unha iniciativa que ten como obxectivo visibilizar a figura da muller enxeñeira e fomentar as disciplinas STEM entre as nenas a través dunha exposición itinerante. Presentarase o 1 de febreiro ás 11:00 horas no Salón de Actos da EEI-Sede Campus e a exposición poderase ver durante o mes de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial (do 1 ao 14 na Sede Campus e do 15 ao 29 na Sede Ciudad da Rúa Torrecedeira).
Máis actividades e certames alén dos centros de Vigo Tecnolóxico
Dentro de Elas fan CienTec, haberá tamén actividades no CINBIO e no CACTI. Ademais, xa o venres 2 de febreiro terá lugar no edificio Redeiras unha charla interxeracional na que catro investigadoras da UVigo compartirán experiencias. O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) entregará os premios da segunda edición do concurso Marie Tharp, dirixido a mulleres investigadoras predoutorais e posdoutorais. Taméns se entregarán proximamente os premios GirlGeekPower, da Cátedra de Feminismos 4.0 Deputación de Pontevedra – Universidade de Vigo. Ademais, ao longo da primeira quincena do mes investigadoras da universidade ofrecerán máis de medio centro de charlas en centros educativos galegos.
⚠️Actividades divulgativas polo Día da muller e da nena na ciencia.
O 8 de febreiro celebrarase a 8ª edición do programa Elas Fan CienTec para rapazas de secundaria e os obradoiros de @XXperimenta terán lugar o día 16 en @OurenseUVigo.
Instaurado pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas en decembro de 2015, o Día Mundial da Muller e a Nena na Ciencia é promovido pola UNESCO e ONU Mulleres en colaboración con institucións e outros actores da sociedade civil que teñen como obxectivo promover o papel das mulleres e das nenas na ciencia. Para facer fronte aos desafíos que presenta a Axenda para o Desenvolvemento Sostible resulta imprescindible sumar todos os talentos, polo que a participación das mulleres e as nenas na ciencia debe ser unha prioridade.
Programa completo en PDF: aquí
Máis información en: Duvi | CINTECX | atlanTTic | EE Industrial