Docentes da EE de Telecomunicación participan nun programa para a inclusión da perspectiva social na enxeñaría

Vigo TecnolóxicoActualidadeDocentes da EE de Telecomunicación participan nun programa para a inclusión da perspectiva social na enxeñaría
Docentes do programa Erasmus+ ENGood de capacitación social en enxeñaría

No proxecto Erasmus+ KA2 ENGood participan catro universidades europeas

A semana pasada botou a andar en Vigo o proxecto europeo Erasmus+ Engineering for Good: Including social perspective in engineering programs. O seu obxectivo é desenvolver un programa de capacitación que permita que, máis aló das cuestións técnicas, as futuras enxeñeiras e enxeñeiros integren no seu proceso formativo a análise e avaliación das implicacións que as tecnoloxías que manexarán terán na sociedade. As implicacións contempladas poden ser tanto de índole política como económica ou ambiental.

Trátase dun proxecto cunha dotación económica de 400.000 euros, dos que uns 85.000 corresponden á UVigo, e no que participa xunto con outras tres universidades europeas: a Universidade Tecnolóxica de Kaunas (Lituania), que coordina o proxecto, a Universidade de Ghent (Bélxica), o Instituto Politécnico de Porto (Portugal).

Ao longo de tres anos deseñarase e porase a proba este programa de capacitación, que será unha guía de traballo capaz de aportar ás e aos futuros profesionais da enxeñaría as habilidades que precisarán para realizar unha revisión integral de como as novas tecnoloxías e a súa comercialización poden influír a nivel persoal, social, político ou económico. Tamén se realizarán actividades piloto nas universidades involucradas, así como unha escola de verán en Porto.

 

Docentes da EET e Facultade de Educación e Traballo Social

A coordinadora do proxecto na UVigo é a investigadora de atlanTTic Verónica Santalla, do Grupo de sistemas de radio. Canda ela participan docentes tanto da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación como da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Santalla salienta a repercusión que teñen as novas tecnoloxías que van aparecendo e os problemas que xorden posteriormente á hora de implantalas na sociedade. Como exemplo, a intelixencia artificial, “unha tecnoloxía que pode axudar moito ao avance da sociedade, pero que ten tamén certos perigos derivados dun mal uso, cuestións sobre as que xa se empeza a lexislar”.

O punto de partida do proxecto é o feito de que nas escolas de enxeñaría os estudos están centrados na formación técnica, obviando as consecuencias que se poden derivar da aplicación práctica das tecnoloxías. A idea é que a medida que se estea desenvolvendo unha tecnoloxía se teñan en conta esas futuras aplicacións na sociedade e se poida avisar aos lexisladores, ás administracións e á sociedade en xeral das consecuencias que pode ter “e, polo tanto, estar preparados para facerlle fronte e que non haxa que facelo a posteriori”, remarca a coordinadora do proxecto na UVigo.

 

Máis información: Duvi