José Fariña Rodríguez dirixirá a Escola de Enxeñaría Industrial durante os próximos 6 anos

Vigo TecnolóxicoActualidadeJosé Fariña Rodríguez dirixirá a Escola de Enxeñaría Industrial durante os próximos 6 anos
José Fariña Rodríguez, nuevo director de la Escuela de Ingeniería Industrial, con su equipo

Foi elixido cun 94,3% dos votos emitidos

 

O profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica José Fariña Rodríguez foi elixido o pasado venres novo director da Escola de Enxeñaría Industrial, sucedendo no cargo a Juan E. Pardo Froján, que levaba á fronte do centro desde 2017. Na Xunta de Escola Fariña obtivo o 94,3% dos votos emitidos ―116 a favor, 2 en contra e 5 en branco―.

Canda José Fariña, coordinador do grupo de investigación División de Deseño e Microelectrónica, forman o novo equipo directivo o profesor Pablo Izquierdo Belmonte  ―secretario―, Rafael Comesaña Piñeiro ―subdirector de posgrao―, Rafael Verdugo Mates ―Calidade―, Estrella Álvarez da Costa ―organización docente―, Xanel Vecino Bello ―alumnado e relacións institucionais―, Crtistina Trillo Yáñez ―internacional―, Antonio Riveiro Rodríguez ―infraestruturas, sede campus―, Francisco Rodríguez Castro ―infraestruturas, sede cidada―, Luis Eguizábal Gándara ―relacións con empresas― e Enrique Casarejos ―planificación e novos plans de estudo―.

 


“É un equipo que destaca pola súa experiencia en tarefas de xestión e pola súa implicación para facer unha escola mellor”, salienta o xa novo director, ao que engadiu que a xuventude dalgúns dos membros do equipo está equilibrada coa idade do resto. “Os factores comúns de todos nós son a motivación, o compromiso e as ganas de traballar por unha escola con futuro”.

 

Un centro  en continua evolución

O novo equipo ten a responsabilidade de manexar un centro complexo, que consta de dúas sedes e ao redor de 3.000 estudantes. É por iso que se manexan diversas liñas de actuación complementarias entre si. “As nosas propostas e iniciativas van dirixidas a acadar esa escola con futuro, que non morra de inercia e onde o diálogo sexa a principal ferramenta”, sinalou o novo director.

Entre os asuntos a mellorar, preténdese levar a cabo unha análise e adaptación  da planificación e organización docente coa fin de favorecer a asistencia a clase do alumnado. A intención e acadalo mediante a adaptación da avaliación continua, favorecendo a coordinación de materias. Tamén se tratará de revisar toda a oferta formativa da escola e mellorar a visibilidade do centro ―tanto no ámbito profesional e empresarial, para coñecer as necesidades formativas e mellorar a empregabilidade, como no ámbito universitario para exercer de axente activo nos órganos de decisión―.

Máis información: Duvi