A UVigo celebra o 8M premiando a iniciativa Elas Fan CienTec

Vigo TecnolóxicoActualidadeA UVigo celebra o 8M premiando a iniciativa Elas Fan CienTec
Verónica Salgueiriño, Soledad Torres e Ana Mejías co Premio Uviguala 2024
Imaxe: Verónica Salgueiriño, Soledad Torres e Ana Mejías co Premio Uviguala 2024 (Duvi)

A UVigo concedeu o Premio Uviguala 2024 a Elas Fan CienTec “por ser un exemplo da implicación das docentes e investigadoras da Universidade de Vigo a prol da igualdade de xénero”. Elas Fan CienTec é unha iniciativa nada en 2017 da man das profesoras Ana Mejías, Verónica Salgueiriño e Soledad Torres que desde entón cada ano, e co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, pon en marcha diversos obradoiros que achegan a ciencia e a enxeñaría a rapazas de centros educativos por toda a provincia. O proxecto ten unha decidida vontade de promover as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as estudantes galegas que cursan estudos preuniversitarios.

O reitor da UVigo,  Manuel Reigosa Roger, fixo entrega do premio nun acto celebrado onte, véspera do Día Internacional da Muller, ás tres fundadoras e alma máter do proxecto: Ana Mejías Sacaluga, docente da Escola de Enxeñería Industrial e integrante do grupo de investigación REDE, Investigación en Economía Enerxía e Medio Ambiente; Soledad Torres Guijarro, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic; e Verónica Salgueiriño Maceira, profesora da Facultade de Química e líder do grupo de investigación Nanomateriais Híbridos (HNG).

 

Premio unánime

Águeda Gómez Suárez, directora da Área de Igualdade da universidade, deu lectura á acta da comisión, que acordou “por unanimidade” conceder a distinción a esta iniciativa. Entre outros motivos, “polo compromiso de xénero que leva demostrado este programa desde o ano 2017”, “porque ten un alto impacto na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación” ou “por combater o efecto Matilda na ciencia, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes”. Águeda Gómez quixo lembrar tamén que se trata dun premio colectivo, xa que foron moitas as investigadoras, profesoras e alumnas implicadas.

En nome das premiadas, Soledad Torres lembrou o nacemento da iniciativa tras un encontro ao que foron convidadas pola entón directora da unidade de Igualdade, Anabel González Penín. Avogou por unha versión de xénero transversal e fixo un chamamento á incorporación de nenos e mozos aos obradoiros, “porque o que realmente temos que desmontar é a segregación horizontal, na que todos os mozos van estudar unha cousa e todas as mozas outra”.

 

Éxito da edición de 2024

A oitava edición de Elas Fan CienTec contou con diversas actividades, co pasado 8 de febreiro como “día grande”. Así, rapazas do IES de Valadares puideron realizar tres obradoiros na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación: “Detectives de imaxes”, “Programación dun xogo con Scratch” e “Introdución á programación web e o seu funcionamento”. Pola súa banda, a proposta da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía consistiu no concurso grupal “The Wall”, a xuncana “The She-cience games: catching fire” e un obradoiro de recoñecemento de minerais. Na Escola de Enxeñaría Industrial 50 alumnas do IES Alexandre Bóveda puideron achegarse á ciencia con obradoiros de termografía infravermella, deseño e prototipado e OpenLab, un espazo de exposición sobre a aplicación de tecnoloxías como realidade aumentada, láser, automatización e robótica.

 

Máis información: Duvi

Elas Fan CIenTec na EET

Elas Fan CienTec 2024 na EEI

11F na Unidade de Cultura Científica

Igualdade na Uvigo