Premios para visibilizar o talento feminino en enxeñaría e ciencias

Vigo TecnolóxicoActualidadePremios para visibilizar o talento feminino en enxeñaría e ciencias
Premios ao talento feminino en enxeñaría GirlGeekPower e Mulle.RME

Dous certames comprometidos coa promoción da igualdade acaban de celebrar esta semana a súa entrega de premios: GirlGeekPower e Mulle.RME

 

GirlGeekPower: Premios á excelencia académica

Este xoves as estudantes Antía Álvarez Pazó, Iria Ollero Cadilla (no eido tecnolóxico) e Julia Escribano Chamorro e Verónica Laíño Rodríguez (no eido científico) recibiron os Premios GirlGeekPower. Trátase da cuarta edición destes premios aos mellores expedientes femininos de estudos STEM (con categorías de Enxeñaría e Arquitectura e Ciencias e Ciencias da Saúde) dos campus de Vigo e Pontevedra. Están convocados pola Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo é promocionar entre as mulleres os estudos STEM (sigla en inglés de Science, Technology, Engineering e Mathematics; Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), dada a infrarrepresentación feminina que existe na actualidade. Repartíronse tres premios dotados cada un deles con 2000€, e un accésit, de 1000€, que recoñecen o esforzo destas catro alumnas.

 

O acto de entrega tivo lugar da sede da Deputación de Pontevedra, coa presenza do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, quen avogou por que “non haxa titulacións de homes e mulleres, senón que todos e todas, xuntos e xuntas, poidamos construír esa sociedade mellor”. Tamén estiveron presentes a deputada de Igualdade e Benestar, Sandra Bastos Míguez, e Águeda Gómez Suárez, directora da Unidade de Igualdade da Uvigo, quen se referiu ao último informe do Observatorio de Igualdade, que ratifica o desequilibrio aínda existente tanto nas matrículas de carreiras STEM como no carreira investigadora.

Interviron tamén as premiadas; Antía Álvarez, estudante do Máster en Enxeñaría Biomética e galardoada co premio extraordinario en enxeñaría e arquitectura, agradeceu o compromiso das institucións convocantes  “coa igualdade e a visibilización do papel crucial que desenvolvemos as mulleres no campo da tecnoloxía e da ciencia”. Iria Ollero, estudante do mesmo máster na EEI, lembraba que Enxeñaría Biomédica “unha das poucas enxeñarías nas que xa se conseguiu a tan desexada paridade e pode ser un exemplo a seguir”. Verónica Laíño, de Enxeñería Química Industrial, expresou o seu desexo de que cada vez haxa máis mulleres referentes neste ámbito, e Julia Escribano, do Máster en Bioloxía Mariña, fixo remarcou a importancia do esforzo e a dedicación.

 

Mulle.RME: visibilidade da muller enxeñeira a través da fotografía

Tamén entregou os seus premios esta semana Mulle.RME, o concurso fotográfico da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía cuxa temática é a visibilización das mulleres profesionais desta rama da enxeñaría.

A gañadora desta sexta edición foi Aránzazu Berrocal coa instantánea O comezo, que mostra a súa actividade profesional durante a execución dos túneles do tren de alta velocidade. O segundo premio foi para Rostros detrás de la investigación, de Amanda Franco Sardinha. Estes dous galardóns están dotados con premios por valor de 300 e 150 euros, respectivamente. Ademais, o xurado decidiu conceder un accésit á fotografía Destrucción controlada, de Carmen María Mariño Martínez.

O acto estivo guiado pola subdirectora de Divulgación Científica da escola, Raquel Pérez-Orozco, e rematou coa intervención de Generosa Fernández, enlace de Igualdade da escola e coa proxección do corto Diferencia, dirixido por Isabel Alberro en 2017. As obras están actualmente expostas no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía.

 

 

Máis información: Duvi (GirlGeekPower) | Duvi (Mulle.RME)

Escola de Minas e Enerxía

Deputación de Pontevedra

Unidade de Igualdade