Na imaxe: en primeira fila e de esquerda a dereita, Daniel Villanueva (director do Campus Vigo Tecnolóxico), Emilio Astray (GAIN), a vicerreitora Belén Rubio, o vicerreitor José Luis Míguez e Fernando Aguado (coordinador de ATRG). Detrás, o equipo de estudantes que integran UVigo SpaceLab. (Duvi)
UVigo SpaceLab estrea a estación terrea máis avanzada da Universidade
Será clave para o éxito da misión BIXO
Este martes a nova instalación de UVigo SpaceLab acubillou a súa primeira visita institucional. Trátase dunha nova estación terrea, situada no andar superior do edificio Filomena Dato do campus vigués, que será crucial para o éxito da misión biolóxica espacial BIXO. Logo de máis dun ano traballando na súa posta a punto, o equipo responsable remarca que se trata dun “salto abismal” e que esta estación converterase no “corazón do procesamento de sinal e futuro centro de control para a misión BIXO”. UVigo SpaceLab é unha asociación de estudantes que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico.
Na visita, á que acudiron Belén Rubio Armesto e Daniel Villanueva Torres, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación e director do Campus Vigo Tecnolóxico, respectivamente, realizouse unha demostración da tecnoloxía que permitirá contactar con BIXO unha vez en órbita. Ademais de Fernando Aguado Agelet, coordinador do Grupo de investigación en Tecnoloxías Aeroespaciais da UVigo (ATRG), e o equipo do SpaceLab, estiveron presentes o director de coordinación do Polo Aeroespacial de Galicia na Axencia Galega de Innovación, Emilio Astray, e o vicerreitor de Trasferencia e Sostibilidade, José Luis Míguez.
Este 2 de abril, el equipo ha celebrado un gran hito: La #inauguración de la estación terrena de banda S. La visita comenzó con la llegada de Emilio Astray, director de Coordinación del Polo Aeroespacial de Galicia en la @axenciaGAIN, al edificio Filomena Dato. pic.twitter.com/PtqdQZG5jF
— UVigo SpaceLab (@UvigoSpaceLab) April 2, 2024
Banda S, capacidade de control remoto e coordinación global
Unha novidade fundamental da nova estación terrea é que pode operar na banda de frecuencias S, fronte ás anteriores, que funcionaban en UHF. O equipo responsable sinala que isto aumenta considerablemente a capacidade de descarga de datos, tanto que se antes a descarga dunha imaxe desde o satélite podía demorar unha semana, coas novas antenas a operación poderíase realizar nun só día.
Será a banda S na que opere o satélite BIXO, e unha demostración detallada durante a visita analizou detalladamente os espectros de banda S e UHF. Mediante o uso de radios definidas por software (SDR), amosouse como se poden identificar e distinguir os sinais recibidos dentro deses rangos de frecuencia. “Este exercicio non só demostra a capacidade técnica da estación, senón que tamén prepara o terreo para anticipar e resolver posibles desafíos na recepción das sinais durante a misión”, asegura SpaceLab.
Outra mellora importante da estación é a capacidade de manexar múltiples zonas horarias en tempo real, aspecto fundamental para a coordinación con outras estacións terreas e operacións satelitais a nivel global. Así, a comunicación co satélite BIXO poderá ser sincronizada con precisión con independencia da súa posición orbital ou a localización dos colaboradores na terra.
O novo espazo albergará as bases de datos e software de control, ademais de servir como núcleo para a simulación electromagnética e estrutural. Esta capacidade de simulación resultará básica, segundo indicaron as alumnas e alumnos, para o deseño de antenas e para modelar estruturas dentro do ámbito espacial.
Máis información: Duvi