A Competición de Robots da EEI, unha cita consolidada no Campus Vigo Tecnolóxico

Vigo TecnolóxicoActualidadeA Competición de Robots da EEI, unha cita consolidada no Campus Vigo Tecnolóxico
7º Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industial

A Competición de Robots da EEI, unha cita consolidada no Campus Vigo Tecnolóxico

Estudantes de toda Galicia participaron na sétima edición

O pasado venres 500 estudantes de educación secundaria e Formación Profesional procedentes das catro provincias galegas participaron na sétima edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñaría Industrial. É xa unha das citas máis sinaladas do campus vigués, que achega a Universidade ao alumnado destas etapas educativas, fomenta o interese polas titulacións da EEI e promove o interese polas disciplinas STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).

Competición e participantes

O medio milleiro de alumnos e alumnas estiveron distribuídos en 97 equipos e dúas categorías: Be Robot (ESO e Bacharelato) e DeMO Robot, dirixida a estudantes de graos superiores, centros de FP e outras persoas interesadas (a participación era aberta). A organización salienta o aumento de participación dos centros educativos, un total de 28, e a maior diversidade na súa orixe.

Esta edición estreou tapices con novos percorridos e obstáculos. Así, Demo Robot contou cun circuíto de trazado totalmente novo e un labirinto máis complexo e de carácter modular. Ademais, as persoas que tomaron parte nesta competición contaron cun kit mellorado, chamado mBot 2. Trátase dun robot educativo de última xeración impulsado polo microcontrolador educativo CyberPi. Conta con melloras relativas á capacidade de conexión en rede ou sensores integrados.

A categoría Be Robot contaba con dúas probas; ‘Sigue a liña marchoso’, consistente en completar un circuíto de obstáculos no menor tempo posible, e a proba de velocidade ‘Velódromo mareante’. Pola súa banda, DeMO Robot consistiu en probas de rastrexo, labirinto, obstáculos e unha final de sumo no que o obxectivo era botar os robots rivais fóra do tapiz.

 

Premios

Resultaron gañadores na categoría Be Robot (1º e 2º da ESO) o IES O Castro, co primeiro e segundo premio, e o IES Pedregal de Irimia, co terceiro. Nesta mesma categoría, para 3º e 4º da ESO, o primeiro e o terceiro premio foron para IES A Pastoriza, mentres que o segundo foi para IES de Brión. En 1º e 2º de Bacharelato, os gañadores foron Sirenas del Amazonas, do IES San Tomé de Freixeiro; o segundo premio para Choques de coche, do mesmo instituto e o terceiro para Game Over 1, do IES A Basella.

Na categoría DeMO Robot o equipo gañador foi Los Meta-Robotics (Infernales), do CPR Liceo La Paz; os segundos clasificados foron Os Tunantes, da EE Industrial e os terceiros, Los Reyes de río, tamén CPR Liceo La Paz. Finalmente, o premio á orixinalidade foi para o Illa 1, do IES da Illa de Arousa e o premio STEM outorgóuselle a Las robóticas, do IES San Tomé de Freixeiro.

Máis información

Duvi

Web oficial