CES UVigo, primeiro equipo español que participará na Monaco Energy Boat Challenge

Vigo TecnolóxicoActualidadeCES UVigo, primeiro equipo español que participará na Monaco Energy Boat Challenge
O barco solar Boeiro I durante as probas na Ría de Vigo

CES UVigo, primeiro equipo español que participará na Monaco Energy Boat Challenge

Competirá o vindeiro mes de xullo na categoría solar

O equipo CES UVigo, composto por 20 alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do Campus Vigo Tecnolóxico, converterase este verán no primeiro equipo español en competir na prestixiosa regata Monaco Energy Boat Challenge. Farao na categoría solar, unha das catro coas que conta esta competición, que propón un reto náutico baseado na innovación e a sostibilidade. Canda CES UVigo estarán outros 36 equipos participantes procedentes de 30 universidades e 25 nacionalidades. CES UVigo competirá co Boeiro I, o trimarán de seis metros de eslora e dous de manga que se presentou o pasado setembro como o primeiro barco da Universidade de Vigo impulsado por enerxía solar.

Éxito das probas na Ría de Vigo

O Boeiro I demostrou a súa capacidade para navegar de forma eficiente e sostible nas probas realizadas na ría viguesa.  Marcos Pardeiro, líder do equipo, e Lorena Gil, responsable da parte técnica, ven a competición monegasca como unha oportunidade de levar a innovación galega e española aos mares internacionais.

Desde a posta de largo do Boeiro I o día da súa presentación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o equipo traballou arreo para a posta a punto. Un fito nas probas deste trimarán tivo lugar hai unhas semanas cando conseguiron que  “voase sobre a auga, demostrando a viabilidade e a eficacia do seu deseño innovador e das tecnoloxías sostibles utilizadas”.

Ao longo de varias semanas foron validando as diferentes partes da embarcación. “Na primeira proba validamos toda a parte de enerxía; comprobamos que os paneis estaban funcionando e a batería estaba cargando e descargando como era previsto”, explica Pardeiro. “Na segunda, optamos por probar a velocidade de despegue e a manobrabilidade do barco e obtivemos resultados moi prometedores, cunha velocidade de despegue duns 7 nós e unha capacidade de manobra bastante boa”, engaden os estudantes.

Na última serie de probas validaron o sistema de ‘hidrófolis’, o principal trazo de identidade do Boeiro I e o que o diferencia dos seus competidores. Trátase, tal e como explican os seus creadores, dunha serie de pezas que funcionan de xeito similar ás das ás dun avión, pero neste caso mergulladas, de maneira que, cando se alcanza certa velocidade, sosteñen toda a estrutura por enriba da auga.

Apoios para un gran reto

A participación do equipo na competición monegasca marcará un fito para CES UVigo, e ao mesmo tempo, unha oportunidade para seguir progresando na sustentabilidade náutica e a innovación. Marcos Pardeiro remarca que a busca de apoio financeiro para este proxecto, que conta co apoio do Campus Vigo Tecnolóxico e que estivo entre as cinco asociacións estudantís que conseguiron subvención da universidade, é esencial para levar o proxecto a Mónaco. Lembra tamén que toda empresa interesada pode pórse en contacto con CES UVigo a través da súa web.

Os equipos participantes na Monaco Energy Boat Challenge teñen que ter desenvolvido un reto náutico centrado na innovación e a sostibilidade, explorando novas tecnoloxías, materiais innovadores e sistemas de propulsión alternativos que reduzan o impacto ambiental mantendo o rendemento náutico.  Quedan por diante detalles a pulir para pasar as inspeccións técnicas do comité de competición e meses de traballo duro, e toda axuda será benvida.

 

Máis información

Duvi
CES UVigo