Na imaxe: Xuntanza dos socios colaboradores nas instalacións de Cintecx (Duvi)
H2tech4Ship: o buque remolcador cero emisións coa participación do CINTECX
Estará propulsado por hidróxeno verde
O Grupo de Tecnoloxía Enerxética da UVigo (GTE), en colaboración con Nodosa e CT Engineering, está a desenvolver un buque remolcador cero emisións. O nome do proxecto é H2tech4Ship, e está dirixido polos investigadores do GTE Concepción Paz Penín e Jacobo Porteiro Fresco, adscritos ao CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais do Campus Vigo Tecnolóxico. Foi ademais seleccionado para recibir financiamento na convocatoria do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (PERTE) do Naval 2023, no marco do proxecto Navantia INNCODIS: desenvolvemento dun ecosistema industrial innovador para un sector naval competitivo, diversificado e sostible. A dotación económica supera os 1,3 M€.
O hidróxeno como vector enerxético
O hidróxeno, especialmente de orixe renovable, está chamado a ser un valioso vector enerxético para usos como o trasporte marítimo, ferroviario ou aéreo, entre outros. A investigadora Concepción Paz sinala que non existe unha solución tecnolóxica única para todo o sector, aínda que xa hai iniciativas que se están a probar en laboratorio e en proxectos piloto.
Ao longo do proxecto avanzarase no estudo de todos os sistemas que asisten a un grupo xerador e no deseño conceptual dun buque a hidróxeno. Tamén, segundo Jacobo Porteiro, serán analizadas as as tecnoloxías actuais no uso de hidróxeno dentro do sector naval para desenvolver unha planta de propulsión eléctrica e de xeración térmica de H2 para abastecer as necesidades de potencia dun buque remolcador. Será preciso estudar os métodos de almacenamento e baterías que satisfagan as necesidades de enerxía, autonomía e seguridade.
Segundo indican os responsables do proxecto, a inclusión do hidróxeno como vector enerxético afectará o buque como un sistema integral, polo que se examinarán solucións de deseño en aspectos de estabilidade, francobordo, estruturas, seguridade e sistemas auxiliares de máquinas en xeral, avaliando tamén os procedementos e sistemas de seguridade, os sistemas de control do buque e as plantas de potencia e/ou xeración. O grupo GTE de Cintecx será o encargado de traballar na conceptualización dun xemelo dixital e no estudo das variables necesarias para o control de parámetros e a simulación.
O hidróxeno require dunha achega de enerxía para ser obtido, e ten particularidade de ser quen de almacenar enerxía para logo liberala de xeito gradual. Por iso se denomina vector enerxético, a diferenza do que sería unha fonte de enerxía primaria.
O hidróxeno renovable ou verde é aquel xerado a partir de electricidade renovable, empregando como materia prima a auga, mediante un proceso de electrólises.
Máis información