A EE de Telecomunicación ofrecerá un novo dobre máster internacional

Vigo TecnolóxicoActualidadeA EE de Telecomunicación ofrecerá un novo dobre máster internacional
Sinatura entre a Universidade de Vigo e a Politécnica de Lodz do acordo para o novo máster internacional

Imaxe: Duvi

A EE de Telecomunicación ofrecerá un novo dobre máster internacional

Será coa Universidade Politécnica de Lodz (Polonia)

Un novo máster combinará o Máster en Enxeñaría de Telecomunicación que se imparte na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e o Máster de Ciencias en Electrónica e Telecomunicación da Universidade Politécnica de Lodz, en Polonia. Así o asinaron Manuel Reigosa Roger e Krzysztof Jóźwik, reitores de ambas as dúas institucións.

A rúbrica de Reigosa a este acordo efectuouse esta semana no marco dunha visita da visita á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dunha delegación de docentes da Universidade de Lodz composta polos docentes Ewa Raj, Piotr Korbel e Jacek Podgórski. Conxuntamente co equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e dos responsables do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo levan traballando neste proxecto desde hai xa arredor de dous anos.

“Para nós a sinatura deste tipo de convenios é unha inmensa alegría”, salientou tras a sinatura o reitor vigués, quen subliño o importante número de oportunidades que supoñen estes acordos para ambas institucións asinantes e se amosou “moi orgulloso” de todos os avances acadados no eido internacional tanto desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación como desde o centro de investigación atlanTTic.

Asistiron á sinatura do convenio Rebeca Díaz Redondo, directora da escola viguesa, e Manuel García Sánchez, actual coordinador do Máster en Enxeñaría de Telecomunicación.

Nesta visita a Vigo os docentes polacos, ademais de asistir á sinatura do convenio na reitoría viguesa, estarán en varias reunións orientadas a planificar aspectos da docencia do dobre máster. E a vindeira semana tres docentes da EET se achegarán a Lodz para seguir traballando na planificación e promoción destes estudos.

 


Clases e prácticas de empresa nos dous países

O acordo establece que poderán participar no programa un máximo de 10 estudantes, cinco da Universidade Politécnica de Lodz e cinco da Universidade de Vigo. O alumnado da UVigo aspirante a cursar este título terá que superar o proceso de admisión no Máster en Enxeñería de Telecomunicación e, ademais, un segundo proceso de selección que valorará resultados académicos, súa motivación e nivel de inglés.

O plan formativo do estudantado que participe neste programa establece que se cursarán presencialmente dous semestres en cada unha das universidades. No terceiro semestre os/as estudantes da Universidade Politécnica de Lodz realizarán prácticas de empresa en Vigo e os/as estudantes da Universidade de Vigo faranas en Lodz. Todo o alumnado matriculado neste dobre máster internacional cursará o último semestre na Universidade de Vigo, onde terán que defender o seu Traballo Fin de Máster.

Os traballos realizados nestes dous últimos anos para a consecución do dobre máster enmárcanse dentro do proxecto ActiveD2 (Active DoubleDegree: Implementation of a Collaboration Study Model Based on Active Teaching and Learning Methods), financiado pola Axencia Polaca de Educación (NAWA).

O pasado mes de abril, a Universidade Politécnica de Lodz invitou a profesorado das universidades coas que estableceu convenios de dobre titulación para participar nun obradoiro sobre mentorización na educación: Coaching as the innovative teaching an learning tool, impartido polos adestradores profesionais Rafal Nykiel e Katarzyna Buss-Nykiel, no que participaron profesores das universidades de ECAM La Salle, en Lyon, Francia; Politécnica de Lodz, Polonia; Arts et Métiers, Bordeos, Francia; e a Universidade de Vigo, desde onde viaxaron a Lodz os docentes Manuel García Sánchez, actual coordinador do máster, e Iñigo Cuiñas.

 


Máis información

Duvi