(Imaxe vía Duvi)
Gran desempeño do Boeiro I en Mónaco
O trimarán solar comeza a superar os seus primeiros fitos no Principado
O Boeiro I, o primeiro barco solar da Universidade de Vigo, comeza a cubrir as expectativas e ilusións que nel puxo o grupo de estudantes de enxeñaría no Campus Vigo Tecnolóxico. CES UVigo, asociación estudantil apoiada polo campus de especialización vigués, conseguiu que o trimarán no que tanto levan traballado superase a inspección técnica para poder competir na Monaco Energy Boat Challenge, momento que tanto levan agardado, tras unha longa viaxe co barco por estrada e tres xornadas de exhaustivas inspeccións técnicas.
“Despois de todo o traballo que investimos na preparación do Boeiro I, esperamos dar algunha que outra sorpresa”, explica o líder do equipo, Marcos Pardeiro,
Sexta posición nas voltas de clasificación
A segunda xornada de competición brindou a parte de o equipo a posibilidade de asistir a job forums que se celebran no marco desta competición, que tamén se complementa cunha modalidade e-sport. Nesta variante virtual da competición, un dos integrantes de CES UVigo foi quen de acadar a segunda posición. Pero isto non sería todo o bo que deparaba ao equipo o día de onte, pois o Boeiro I foi quen de rematar as voltas de clasificación da súa categoría, a solar, nun máis que meritorio sexto posto.
Ver esta publicación en Instagram
Hoxe venres o equipo enfróntase á proba de resistencia, consistente en navegar por un circuíto de, aproximadamente, cinco quilómetros e medio, que pon a proba a calidade das placas solares e a fiabilidade da batería, que bautizaron Miudiña 2.
A competición finalizará o sábado cunha proba de slálom, unha carreira chea de obstáculos que requirirá gran habilidade de condución e axilidade do Boeiro I. No caso de clasificárense, disputarían a Championship race, onde se atoparían co outro equipo gañador nunha regata de velocidade.
Máis información
CES UVigo chega a Mónaco para participar na Energy Boat Challenge