QCrpyt, o principal evento mundial de criptografía cuántica, celebrarase en Vigo

Vigo TecnolóxicoActualidadeQCrpyt, o principal evento mundial de criptografía cuántica, celebrarase en Vigo
QCrypt congreso criptografía cuántica. Logotipo

QCrpyt, o principal evento mundial de criptografía cuántica, celebrarase en Vigo

Será en setembro e será a primeira vez que se celebre en España

A décima cuarta edición de QCrypt, 14th International Conference on Quantum Cryptography, principal cumio mundial de criptografía cuántica, celebrarase en Vigo entre o 2 e o 6 de setembro de 2024. Esta edición está organizada pola Universidade de Vigo e polo CESGA, o Centro de Supercomputación de Galicia. A sede de Afundación na cidade olívica acollerá unhas 250 persoas que participarán neste congreso, procedentes de países tan dispares como Alemaña, China, Xapón, Canadá, Inglaterra, Austria, Italia, Corea do Sur, Francia, Suíza, Australia ou Singapur.

O encontro está aberto ao alumnado e á comunidade investigadora que traballa na criptografía cuántica, que inclúe sobre as posibilidades e limitacións da comunicación e a computación seguras con dispositivos baseados na mecánica cuántica.

A UVigo, organizadora activa

O catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Marcos Curty Alonso é o responsable do comité organizador. Salienta que Qcrypt “é o congreso internacional máis relevante no campo das comunicacións cuánticas e, nesta edición, ao igual ca nas anteriores, contamos coa participación dos principais expertos internacionais nesta área”. O desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías incide no incremento constante da seguridade e confidencialidade das comunicacións. Curty é tamén director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación atlanTTic, no que colaboran empresas e universidades dunha ducia de países e co que se contribuíu de xeito definitivo a situar a Galicia no mapa mundial das comunicación cuánticas.

A UVigo presentará 15 traballos de investigación realizados no último ano, e tamén está previsto realizar unha visita guiada ao Vigo Quantum Communication Center.

Programa con actividades para o público experto, pero tamén dirixidas á industria e ao público xeral

O programa definitivo farase público proximamente na web do congreso. Serán tres días, en horario de 9 a 18 h, nos que a organización adianta que haberá 13 relatorios de persoas convidadas máis 22 “contributed talks”, relatorios seleccionados entre máis de 150 propostas recibidas. Tamén se exhibirán ao redor de 170 carteis expositivos.

A segunda xornada incluirá unha charla divulgativa aberta ao público xeral sobre comunicacións cuánticas. Correrá a cargo do físico Antono Acín, especialista en información cuántica do Instituto de Ciencias Fotónica, ICFO.

O seguinte día, o xoves 5, virá cunha sesión liderada por persoal de Telefónica e á que tamén asistirán representantes das principais empresas internacionais do sector. Falta confirmar a posible presenza de representantes da Comisión Europea, “que neste momento lidera unha iniciativa sumamente ambiciosa que busca despregar unha rede de comunicacións cuánticas no noso continente durante esta década”, sinala Marcos Curty.

Máis información

Duvi 

QCrypt 2024