Xornada de benvida como preámbulo dun curso 2024/25 con récord nas prazas de novo ingreso

Vigo TecnolóxicoActualidadeXornada de benvida como preámbulo dun curso 2024/25 con récord nas prazas de novo ingreso
Xornada de benvida da UVigo en 2023

Imaxe: xornada de benvida en 2023 (Duvi)

Xornada de benvida como preámbulo dun curso 2024-25 con récord nas prazas de novo ingreso

A taxa de ocupación de novo ingreso nos graos ascende ao 104%

Antes do arranque oficial do curso 2024/2025, que será o 9 de setembro, as persoas de novo ingreso na universidade poderán achegarse á UVigo dun xeito distendido na xornada de benvida. O 6 de setembro, no pavillón do campus vigués, o novo alumnado poderá coñecer os servizos ao seu dispor, e toda a información útil para desenvolvérense na vida universitaria.

Para este vindeiro curso hai ata o momento 3902 persoas matriculadas para 3752 prazas de novo en titulacións de grao, segundo revelou o reitor, Manuel Reigosa Roger, ao inicio do Consello de Goberno do pasado martes.

Un 103,86% de ocupación no campus vigués

No conxunto das titulacións de grao que se imparten en Vigo, hai 2043 persoas matriculadas para 1967 prazas de grao, o que supón case un 104% de ocupación, tras catro chamamentos de matrícula. O reitor referiuse a estas cifras como “os mellores datos de toda a serie histórica de ocupación”. A día de hoxe, no conxunto da universidade hai 3902 persoas con matrícula nalgunha das 3752 prazas de novo ingreso que se ofertan. Reigosa tamén avanzou que cara ao novo mapa de titulacións do SUG a UVigo procurará a complementariedade nos títulos, así como ter en conta a especialización de cada un dos campus das tres cidades.

Benvida a estudantes internacionais e acollida nos centros

Entre a información que se proporcionará na xornada de benvida, as persoas asistentes poderán coñecer máis sobre a institución, os seus dereitos e deberes, servizos informáticos, transporte e aloxamento, voluntariado e asociacionismo, e bolsas e axudas, así como e a oferta académica complementaria que ofrecen o Centro de Posgrao e Formación Permanente ou o Centro de Linguas. Tamén coñecerán a Biblioteca Universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte. Ademais, tamén atoparán postos de atención á diversidade, da Unidade de Igualdade e das delegacións e asociacións de estudantes. A xornada contará con música e agasallos, como a axenda 2024/2025.

O campus tamén acollerá o acto de benvida ao alumnado estranxeiro que cursará estudos na UVigo. Será un acto paralelo que comezará ás 10 h no paraninfo do edificio Ernestina Otero. O persoal da Oficina de Relacións Internacionais será encargado dunha charla informativa, e a asociación ESN Vigo presentará a súa iniciativa Buddy Program. O Centro de Linguas promoverá os seus cursos de español e realizará probas de nivel.

De xeito complementario, os centros tamén organizan xornadas de acollida para os seus novos estudantes. Polo momento, a Escola de Enxeñería Industrial xa anunciou as datas para as actividades dirixidas ao seu novo alumnado de grao: serán o 4 e o 5 de setembro. É necesario rexistro previo na súa web.

Máis información

Duvi: ligazón benvida | ligazón novo ingreso

Actividades de acollida da EEI