Nace a cátedra UVigo-Oesía

Vigo TecnolóxicoActualidadeNace a cátedra UVigo-Oesía
Sinatura acordo cátedra UVigo-Oesía

Na imaxe: Ana Vázquez Alejos, María Graña, Belén Rubio, Luis Furnells, Manuel Reigosa, Carlos Founaud e Óscar Rubiños (Duvi)

Nace a cátedra UVigo-Oesía

Grupo Oesía traballa en enxeñaría dixital e industrial de uso dual en 40 países

A Universidade de Vigo vén de asinar un convenio co Grupo Oesía, multinacional española dedicada á enxeñaría dixital e industrial de uso dual e que desenvolve e implanta proxectos de innovación e transformación en 40 países de catro continentes. En virtude deste convenio, créase unha nova cátedra que responde ao interese de ambas entidades por colaborar en actividades docentes e de investigación no eido das telecomunicacións e, especialmente, no estudo da radiofrecuencia aplicada. Buscarase así afondar en aspectos clave como os sistemas de antenas, o deseño e simulación electromagnética destes sistemas, a súa calibración e medición e tamén a aplicación de ferramentas transversais proporcionadas pola intelixencia artificial, con posibilidade de ampliación cara a áreas como a simulación electromagnética, os sistemas QKD ou as redes 5G/6G.

A importancia de investigar desde aquí para o futuro do país

Previamente, en 2021, as dúas entidades xa asinaran un convenio de cooperación no eido da ciberseguridade e a transformación dixital. Luis Furnells, presidente executivo de Grupo Oesía, salientou que a cátedra “é un paso máis no noso camiño para impulsar o avance tecnolóxico español en xeral e galego en particular a través da formación, a divulgación do coñecemento e a transferencia e fomento da I+D+i no campo de disciplinas vangardistas”. Puxo en valor a importancia da colaboración entre centros de investigación e empresas, especialmente ao tratarse dunha organización que aposta polas tecnoloxías innovadoras, para o desenvolvemento e o progreso da economía e da sociedade.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa Roger, amosouse convencido de que “a Universidade ten que xogar un papel importante no desenvolvemento das capacidades de país, non só a través da formación, senón tamén da I+D e da colaboración público-privada e isto é algo no que a UVigo sempre creu e do que esta cátedra é un exemplo”. Subliñou que o acordo asinado abre as portas a colaborar no doutoramento industrial, en eidos como as comunicacións cuánticas, intelixencia artificial, 5G, 6G ou fotónica, para mellorar así a formación do alumnado ofrecéndolles proxectos interesantes que animen a continuar a traballar desde aquí, algo necesario para o futuro do país.

No acto de sinatura tamén participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio Armesto, así como Carlos Founaud, director de Innovación de Grupo Oesía e María Graña, responsable de Innovación e Tecnoloxía de Inster-Grupo Oesía, e os directores da cátedra, os investigadores Ana Vázquez Alejos, do grupo de Sistemas Radio, e Óscar Rubiños, do de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, ambos membros do atlanTTic, o centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico. A vicerreitora coincidiu co reitor e o presidente executivo do grupo na importancia deste tipo de colaboracións entre universidade e empresa para pór en marcha proxectos atractivos que permitan reter o talento e mesmo conseguir retornar aqueles profesionais excelentes que marcharon da universidade e do país.

Pola súa banda, desde a coordinación da cátedra ponse de relevo a importancia que terá para a Escola da Enxeñería de Telecomunicación, pois permitirá ao seu alumnado vincularse con empresas do sector durante a formación.

Formación, divulgación e transferencia

Ao abeiro desta nova cátedra organizaranse actividades de formación, de divulgación e transferencia e de fomento de I+D+i. No que atinxe á formación, levaranse a cabo seminarios sobre tecnoloxías de interese común e resultados da colaboración, un programa de prácticas para estudantes, a inclusión de temas de traballo na materia Laboratorio de Proxectos de 4º curso de Enxeñaría de Telecomunicación, así como actividades académicas complementarias e o patrocinio da estudos a través de bolsas ou premios. No que se refire á divulgación e transferencia, organizaranse conferencias e encontros con outras empresas da área para visibilizar o potencial laboral e de I+D. Finalmente, no tocante a fomento da I+D+i, o convenio establece como prioridades a concorrencia á convocatoria de Doutoramento Industrial, o apoio á realización de proxectos fin de grao e mestrado, a organización de encontros de expertos en temas de vangarda tecnolóxica ou temas de I+D.

A vixencia do acordo é de catro anos, prorrogables unha vez remate este período.

 

Máis información

Duvi

Nota de prensa Grupo Oesía