Imaxe: Pedro Arias (Duvi)
Pedro Arias Sánchez, medalla Isidro Parga Pondal da RAGC
Distinción no campo das Ciencias Técnicas para o docente da EME e investigador de CINTECX
A Real Academia Galega de Ciencias vén de anunciar os cinco científicos que recibirán este ano as súas Medallas de Investigación. Entre eles, Pedro Arias Sánchez, que ve recoñecido o seu labor no eido das Ciencias Técnicas coa medalla Isidro Parga Pondal.
Pedro Arias Sánchez (Lugo, 1965) é catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do Campus Vigo Tecnolóxico e investigador do CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais. “Recibir a Medalla de Investigación en Ciencias Técnicas é un privilexio e supón un recoñecemento por parte da RAGC, polo que estou moi agradecido”, afirmou tras coñecer a nova.
Xunto a Pedro Arias, a RAGC premia coa medalla Domingo García Sabell en Ciencias Económicas e Sociais ao catedrático de Economía Aplicada Santiago Lago Peñas, incorporado este curso á Universidade de Santiago de Compostela, logo que o Consello de Goberno da UVigo acordase aprobar a súa solicitude de comisión de servizos. O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo, Antonio Figueras Huerta; o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC Alberto Bugarín Diz e o catedrático Diego Peña Gil, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC completan a relación de galardoados na sexta edición das Medallas de Investigación da RAGC, coas que se valoran as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas, para tratar de difundir entre a sociedade o aprecio polos valores científicos.
🎖A RAGC recoñece a traxectoria de cinco científicos galegos da @UniversidadeUSC, @uvigo e do @IIM_CSIC coas MEDALLAS DE INVESTIGACIÓN.
💚Antonio Figueras, @SantiagoLagoP, Pedro Arias, Alberto Bugarín e Diego Peña recibirán a súa distinción no #DíadaCienciaenGalicia o 8-outubro. pic.twitter.com/3cSHWNmGoa
— RA Galega Ciencias (@RAGalegaCiencia) October 2, 2024
Información xeoespacial e Intelixencia Artificial
Arias considera que o galardón que lle outorga a RACG no campo das Ciencias Técnicas “non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo e de todas as persoas que me teñen apoiado o longo deste camiño”.
A medalla Isidro Parga Pondal pon de relevo o brillante labor do investigador principal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (XeoTech) do CINTECX da UVigo, quen ten afondado nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial. A RAGC tamén valorou que o catedrático da UVigo aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos.
Nos últimos anos foron varias as ocasións nas que investigadores e investigadoras do Campus Vigo Tecnolóxico foron galardoados. Así, o pasado ano Fernando Obelleiro, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicación e investigador de atlanTTic, foi quen recibiu a medalla Isidro Parga Pondal. En 2022 foi para Ángeles Sanromán, catedrática de Enxeñaría Química e actual directora do CINTECX. En 2021, para o catedrático, investigador de CINTECX e coordinador do Grupo Encomat, Xosé Ramón Nóvoa.
A entrega das medallas será o vindeiro 8 de outubro, Día da Ciencia en Galicia.
Máis información
Real Academia Galega de Ciencias