Os resultados do proxecto Sapiens amosan melloras na detección da deterioración cognitiva e a depresión

Vigo TecnolóxicoActualidadeOs resultados do proxecto Sapiens amosan melloras na detección da deterioración cognitiva e a depresión
Pesentados os resultados do proxecto Sapiens, no que participou atlanTTic

Os resultados do proxecto Sapiens amosan melloras na detección da deterioración cognitiva e a depresión

A investigación, con integrantes de atlanTTic, demostrou que a IA diminúe os erros de diagnose

Recentemente foron presentados os resultados do proxecto Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing), unha iniciativa que conta con persoal investigador de atlanTTic cuxo obxectivo foi o deseño de ferramentas para a detección do deterioro cognitivo e a depresión mediante altofalantes intelixentes adestrados con intelixencia artificial. Fíxose no marco dunha xornada organizada por Afaga, entidade sen ánimo de lucro que realiza actividades para mellorar a calidade de vida de persoas enfermas de Alzheimer.

O evento buscaba visibilizar solucións e innovacións dixitais relacionadas coa prevención e a atención á lonxevidade nos que Afaga está involucrada. En concreto, ao abeiro do proxecto Sapiens deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de Machine Learning, DigiMoca e DigiYesavage, asistentes de  conversa intelixentes creados como skills para Alexa, cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores e probas de validación da súa facilidade de uso coas propias persoas usuarias. A mostra coa que se traballou foi de 73 persoas maiores de 50 anos, entre eles, usuarios de Afaga Alzheimer.

Mellora das  diagnoses mediante IA

Luis Anido Rifón, responsable do proxecto Sapiens, investigador de atlanTTic e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, xunto cos investigadores Noelia Prieto e Moisés Pacheco, de atlanTTic, foron os encargados de presentar as conclusións máis importantes dos estudos e cribados realizados con estas novas ferramentas tecnolóxicas, que xa foran avanzadas no campus no mes de maio. Entre outros avances, o equipo demostrou que os resultados obtidos polas probas tradicionais e as dixitais eran similares, e, ademais, que o uso da intelixencia artificial elimina erros no diagnóstico. Faino ao incorporar novas variables, como os tempos de resposta ou as repeticións, que non se teñen en conta nas probas tradicionais. Os resultados tamén mostraron unha boa aceptación destas ferramentas tecnolóxicas, tanto en usuarios como en profesionais.

Cun equipo de investigación composto por un total de 13 persoas, o proxecto estivo financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinado por atlanTTic e contou coa participación da Universidade de Santiago de Compostela. Investigadoras contaron coa colaboración de, ademais de Afaga, o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e o Coro Sénior da UVigo.

 

Máis información

Duvi

Sapiens

atlanTTic