GirlGeekPower volverá premiar as mellores alumnas de titulacións STEM
Haberá dous premios e dous accésits, cun total de 6.000 euros a repartir
Unha das propostas artelladas pola Universidade de Vigo para captar o talento feminino nas titulacións STEM (sigla en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas; Science Technology, Engineering and Mathematics) é a convocatoria dos premios GirlGeekPower. Estas distincións buscan pór en valor traxectorias destacadas de alumnas de titulacións destas áreas de coñecemento. Nesta convocatoria, aberta ata o 16 de outubro, repartiranse 6.000 euros en premios.
Na actualidade, a porcentaxe de mulleres matriculadas na UVigo en titulacións STEM é do 37%; nas carreiras de enxeñaría a cifra descende ao 22%. Destes datos infírese una infrarrepresentación de mulleres en eidos estratéxicos do tecido produtivo, o que limitará a presenza de talento feminino das que son actualmente as profesións con maior empregabilidade, impacto socioeconómico e proxección de futuro.
🎖 Xa está aberta a convocatoria da quinta edición dos Premios #GirlGeekPower da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo.
🔬 Con dúas mo
📝 Máis información e bases na seguinte ligazón: https://t.co/I9gJLRZ8hf pic.twitter.com/LRCTPOKNfZ— Unidade de Igualdade (@igualdade_uvigo) October 4, 2024
Requisitos de participación
Estes premios forman parte das actividades da Cátedra Feminismos 4.0 Deputación de Pontevedra-UVigo, polo que poden optar a eles alumnas STEM tanto do campus pontevedrés como do vigués. Para as ramas de Enxeñaría e Arquitectura haberá un premio e un accésit, de 2.000 e 1.000 euros respectivamente. Outro tanto para as ramas de Ciencias e Ciencias da Saúde.
Para concorrer a estes galardóns é preciso que as alumnas estean matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2024/2025 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado universitario das ramas de Enxeñaría e Arquitectura ou Ciencias e Ciencias da Saúde. As estudantes de grao deben ter superados ata o curso 2023/2024 60 créditos da titulación na que están matriculadas e ter unha nota media de expediente ata o curso 2023/2024 no caso de continuación de estudos, ou de acceso no caso de inicio de estudos, igual ou superior a 7 nas titulacións da rama de Enxeñaría e Arquitectura, 8 nas titulacións da rama de Ciencias e 8 nas titulacións da rama de Ciencias da Saúde. Quedan fóra da convocatoria as estudantes que teñan recibido este premio en algunha das convocatorias anteriores para o mesmo ciclo.
Xunto coa solicitude deberán subir ao formulario en liña unha carta de motivación. Esta carta debe incluír as razóns que as levaron a optar por realizar estudos universitarios no ámbito das STEM e unha reflexión sobre a experiencia persoal como mulleres nun ámbito tradicionalmente masculinizado.
A selección das gañadoras realizarase atendendo a un criterio que establece que a nota media supón ata o 80 % da puntuación total e a carta de motivación o outro 20 %. A comisión de avaliación estará composta por Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, como presidenta e, como vogais, Soledad Torres, investigadora da UVigo; Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra e Ana Isabel Amoedo, funcionaria de carreira e traballadora social adscrita ao Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.
Máis información