Imaxe: un caso de estudo do proxecto RoadS2Win (Duvi)
Xemelgos dixitais para mellorar a seguridade viaria
Persoal científico de CINTECX recrea as condicións viarias en réplicas dixitais
O grupo GeoTECH, Xeotecnoloxías aplicadas, traballa actualmente no proxecto RoadS2Win, Enhanching ROAD Safety through digital twinning technologies (‘Mellorando a seguridade na estrada mediante tecnoloxías de xemelgo dixital’), centrado na mellora do transporte por estrada. Faino a través desas tecnoloxías digital twin (ou ‘xemelgo dixital’). Vén, ademais, de conseguir 212.500 euros para traballar no proxecto durante os próximos tres anos na convocatoria de axudas Proxectos de Xeración de Coñecemento.
Pedro Arias Sánchez, catedrático e investigador principal de GeoTECH, lidera este proxecto canda a Joaquín Martínez Sánchez. Arias lembra o custo social das lesións e falecementos asociados ao transporte por estrada, que teñen tamén un impacto económico e de saúde pública. E remarca que a seguridade viaria depende tanto do comportamento de quen conduce como da calidade das infraestruturas e a seguridade dos vehículos. O proxecto RoadS2Win considera estes tres elementos (condutores/as, calidade das infraestruturas e seguridade dos vehículos) para desenvolver o seu xemelgo dixital. É unha representación virtual dunha realidade física, unida pola interconexión de datos dos tres elementos. Funciona nas dúas direccións (realidade física/realidade virtual) e serve para axudar na toma de decisións, pois os procesos de simulación en tempo real permiten inferir que medidas deben tomarse para reducir o risco de accidentes.
Unha réplica virtual axustada a condicións cambiantes
Os dous investigadores principais, ademais de Mario Soilán González e Elena González Rodríguez, obterán unha serie de indicadores de seguridade viaria que poderán ser estimados en tempo real a través da tecnoloxía digital twin (DT). Empregarán esta tecnoloxía para obter unha réplica virtual dunha estrada ou un compoñente importante dela. Arias explica que mediante o uso de tecnoloxías como o internet das cousas (IoT), intelixencia artificial e análise de software de simulación, os xemelgos dixitais xeran simulacións baseadas en datos do mundo real para predicir o rendemento e comportamento do activo.
Propoñen un modelo de seguridade viaria mellorado, baseado na aplicación de solucións de intelixencia artificial para o procesamento e análise de datos e predición de comportamento. Este modelo considera factores cambiantes (como a climatoloxía, a densidade de tráfico ou o comportamento das persoas que conducen) para obter recomendacións axustadas á realidade. Para iso, o grupo GeoTECH conta cunha experiencia de anos de traballo en tecnoloxías de digital twin grazas a varios proxectos de investigación previos.
Máis información