Primeira experiencia galega de enlace de distribución cuántica de claves

Vigo TecnolóxicoActualidadePrimeira experiencia galega de enlace de distribución cuántica de claves
Rebeca P. Díaz Redondo, David Pérez Castro, Mateo Blanco Rodríguez, Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga

Imaxe: Rebeca P. Díaz Redondo, David Pérez Castro, Mateo Blanco Rodríguez, Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga (Duvi)

Primeira experiencia galega de enlace de distribución cuántica de claves

atlanTTic traballa na integración de tecnoloxías cuánticas nas redes de comunicación convencionais

Mellorar a seguridade das comunicacións empregando as propiedades da física cuántica. Niso está a traballar atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico e integrante da Rede CIGUS. No marco do proxecto QURSA (QUantum-based ReSistant Architectures and Techniques), o persoal investigador do centro vigués acaba de conseguir a primeira canle de distribución cuántica de claves de toda Galicia. Conectaron dous puntos da Universidade de Vigo, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o centro de datos da Biblioteca Central, poñendo en marcha un enlace QKD (Quantum Key Distribution, distribución cuántica de claves).

QURSA pretende establecer unha base para modernizar e integrar as tecnoloxías cuánticas nas redes de comunicación convencionais. O equipo do proxecto explica que os sistemas QKD empregados envían sinais cuánticos a través dunha fibra. Mediante un protocolo de medida e comunicación é capaz e distribuír de xeito totalmente seguro esas claves. Emisor e receptor poden usalas para cifrar as súas mensaxes e envialas sen que ninguén as poida descifrar.

Con financiamento do Ministerio de Ciencia

O equipo de investigación de QURSA está formado polos investigadores principais e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga. Complétano a investigadora Rebeca P. Díaz Redondo e os investigadores contratados Mateo Blanco Rodríguez e David Pérez Castro. Durante todo o proceso contaron co apoio dos Servizos Informáticos da Biblioteca Central da UVigo, e especialmente de Miguel Polo.

O proxecto QURSA botou a andar en xaneiro de 2023 financiado polo Programa de Transición Ecolóxica e Dixital do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Coordinado desde a Universidade de Vigo por atlanTTic, desenvólvese en colaboración co Instituto Leonardo Torres Quevedo do CSIC e a Universidade Carlos III de Madrid.

Máis información

Duvi

atlanTTic

QURSA