Imaxe: Duvi
Unha lanzadeira porá a proba no campus a mobilidade autónoma e conectada
Esta experiencia da universidade e CTAG está liderada da parte da UVigo por investigadores de atlanTTic
A Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) asinaron esta semana un acordo de colaboración que permitirá a posta en marcha no campus vigués dun servizo de vehículo autónomo e conectado. Ademais de facilitar o transporte de persoas entre os diferentes edificios, servirá como plataforma de proba para diversos casos de uso relacionados coa ciberseguridade no ámbito do vehículo conectado. Esta iniciativa está impulsada desde Incibe, o Instituto Nacional de Ciberseguridade, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Está enmarcada no programa de Redes territoriais de especialización tecnolóxica (Retech), que articula proxectos territoriais de transformación dixital impulsados de forma conxunta por varias rexións.
🚐📶atlanTTic e CTAG colaborarán nunha proba piloto de transporte intelixente no campus da @uvigo.
O proxecto probará un vehículo autónomo para validar o uso de vehículos autónomos, con especial atención á seguridade das comunicacións e a integración en redes 5G e 6G. pic.twitter.com/6PAZNeIY7d
— atlanTTic – UVigo (@atlanTTic_uvigo) December 11, 2024
Validación do uso de vehículos autónomos
O obxectivo principal desta proba piloto é validar o uso de vehículos autónomos, con especial fincapé na seguridade das comunicacións entre vehículos e na integración dunha plataforma dentro de redes experimentais 5G e 6G. O vehículo será unha lanzadeira con capacidade para 12 persoas que está deseñada polo CTAG. Ao funcionar nun perímetro controlado como é o campus, será posible avaliar funcionamento, rendemento e eficiencia.
Da parte da UVigo, os responsables do proxecto son Felipe Gil Castiñeira e Ana Fernández Vilas, investigadores de atlanTTic. Ambos os dous acudiron canda a Belén Rubio Armesto, Vicerreitora de Investigación e Transferencia, e Luis Moreno, director xeral do CTAG, a unha xuntanza na que se explicaron os detalles do proxecto. Tamén asistiron Francisco Sánchez, director da división de electrónica e mobilidade intelixente do CTAG, e Carlos Pérez Garrido, responsable do departamento de ciberseguridade en automoción.
“Un auténtico laboratorio móbil de ciberseguridade”
Belén Rubio destacou que grazas a esta iniciativa o de Vigo será un dos primeiros campus a nivel nacional en contar cun servizo destas características. Tras ver os vehículos autónomos que o GTAG xa tiña en marcha, determinouse que o campus sería unha localización especialmente indicada para este tipo de probas. Ademais, dará visibilidade tanto ao traballo do CTAG como ao da Universidade de Vigo.
Como parte do convenio, o CTAG liderará a creación dun laboratorio especializado en ciberseguridade aplicada á automoción. Estará equipado coas capacidades necesarias para validar solucións en vehículos autónomos e conectados.
Pola súa banda, Felipe Gil afirmou que o obxectivo da iniciativa é validar a interacción entre vehículos, a seguridade e a fiabilidade das comunicacións e a operatividade das redes 5G e 6G. Neste senso, subliñou que esta experiencia piloto permitirá avanzar no desenvolvemento de tecnoloxías clave para a modernización do transporte público e a mobilidade intelixente en Galicia. “Estes vehículos autónomos e conectados son capaces de estar en constante comunicación cos diferentes elementos da contorna, o que lle permite interactuar, abrir barreiras, semáforos… polo que será unha oportunidade única para convertelo nun auténtico laboratorio móbil de ciberseguridade”.
Máis información