atlanTTic liderará a apertura dunha planta experimental de chips fotónicos

Vigo TecnolóxicoActualidadeatlanTTic liderará a apertura dunha planta experimental de chips fotónicos
Iniciativa PIXEurope para liderar a Liña Piloto Europea de Chips Fotónicos.

atlanTTic liderará a apertura dunha planta experimental de chips fotónicos

Será baixo o proxecto PIXEurope, liderado polo ICFO

A inicios de mes o Programa de Chips da Comisión Europea seleccionou a iniciativa PIXEurope, na que participa a Universidade de Vigo, para liderar a Liña Piloto Europea de Chips Fotónicos. O obxectivo é ofrecer plataformas tecnolóxicas de última xeración, transformando e transferindo procesos e tecnoloxías de fotónica integrada innovadoras e rompedoras. Deste xeito, preténdese impulsar a súa adopción na industria.

É un sector crucial de cara á soberanía tecnolóxica europea, e atlanTTic, o centro de investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación do Campus Vigo Tecnolóxico, participará no proxecto a través do seu QOPHI Lab. Os coordinadores son os investigadores Francisco Díaz Otero e Francisco Soares, que pretenden desenvolver novas técnicas para o empaquetado de chips empregando tecnoloxías experimentais. As súas aplicacións serán esenciais en sectores como a automoción e as telecomunicacións de alta velocidade.

Consorcio PIXEurope

O consorcio PIXEurope conta con 20 socios de 11 países, e está coordinado polo Instituto de Ciencias Fotónicas (IFCO). Mobilizará inversións por valor duns 400 millóns de euros, dos cales a Universidade de Vigo recibirá 15. A iniciativa e plan de acción está cofinanciada pola Comisión Europea e o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais e o Proxecto Estratéxico de Microelectrónica e Semicondutores, coñecido como PERTE Chip. Outras institucións do estado que participan en PIXEurope son o Instituto de Microelectrónica de Barcelona, a Universitat Politècnica de València (UPV), o Centro Nacional de Microelectrónica do CSIC (IMB-CNM-CSIC) e a Universidad Carlos III de Madrid (UC3M).

Planta experimental

PIXEurope escolleu o QOPHI Lab de atlanTTic para liderar a apertura dunha planta de empaquetado experimental na UVigo. Desenvolverá novas técnicas para o encapsulado de chips, mediante o uso de novas tecnoloxías como polímeros ou metais. Na planta estandarizaranse técnicas e procesos e probaranse modelos de integración fotónica-electrónica. Permitirá ás empresas e centros de investigación probar novos conceptos e desenvolver sistemas de empaquetado que se poidan transferir a contornas de produción tras un proceso de maduración tecnolóxica.

Francisco Díaz sinala que o empaquetado supón case o 80% dos custos de produción dun chip fotónico. Por iso as melloras neste proceso suporán un gran avance para a redución de custes e que esta tecnoloxía poida chegar ao mercado masivo.

Mentres, Francisco Soares subliña que o QOPHI Lab tamén terá un papel destacado noutras dúas actividades: a estandarización das probas de chips fotónicos mediante a introdución dun Kit de Deseño de Probas ou TDK e o desenvolvemento de modelos de simulación para predicir con precisión o rendemento dos chips fotónicos antes da súa fabricación. O kit permitirá probar de forma remota os chips deseñados directamente despois da fabricación, mentres que os modelos de simulación permitirán avaliar a viabilidade económica destes chips.

Prevese que a produción de circuítos integrados fotónicos medre máis dun 400% nos próximos 10 anos. Cara finais desta década prevese que o mercado mundial da fotónica supere os 1,5 billóns de euros, unha cifra comparable a todo o PIB anual de España.

Máis información

Duvi

atlanTTic