O martes 25 de maio o Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo (CINBIO) celebra outro dos seus seminarios web orientados a dar a coñecer o traballo que levan a cabo os diferentes grupos de investigación do centro, e as múltiples potencialidades de cada un dos seus servizos. Baixo a etiqueta xeral ‘Coñece ao #teamCinbio’, os talleres son impartidos polo propio persoal do CINBIO e pensados para crear sinerxías entre os diferentes equipos, pero abertos tamén ao público interesado. A vindeira cita do día 25 será ás 10.00 horas a través do Campus Remoto, e chegará da man de Mercedes Peleteiro, responsable do Servizo de Citometría de Fluxo.
Baixo o título Onde as células se fan realidade, Peleteiro explicará o tipo de traballo que se leva a cabo neste laboratorio, centrado no estudo das células. Trátase dun espazo aberto aos diferentes grupos de investigación do CINBIO e a outros centros como o Hospital Álvaro Cunqueiro, así como ás empresas que traballan nesta materia. A versatilidade da citometría de fluxo convértea nunha das ferramentas máis utilizadas en investigación, aplicable a unha gran variedade de liñas de investigación, desde a análise xenómica de diferentes tipos de cancro, a avaliación de vacinas, o estudo de enfermidades raras e psiquiátricas, o estudo de organismos mariños ou diferentes ramas do campo da nanomedicina.
Tal e como explican na súa web, a citometría de fluxo permite facer análises multiparamétricas de suspensións celulares, proporcionando información de parámetros como o tamaño e complexidade das células e, ao mesmo tempo, facilita o estudo dun abano moi grande de marcadores e estudos funcionais utilizando a gran diversidade de sondas fluorescentes que hai actualmente no mercado.
Este seminario vén a sumarse a outros xa celebrados no centro. En ocasións anteriores abordáronse temáticas como a identificación de biomarcadores de actividade patolóxica e eficacia terapéutica en esclerose múltiple; a endometriose, a ‘enfermidade oculta’ que afecta a millóns de mulleres en todo o mundo; ou a presentación dun novo software de utilidade para todo o persoal do CINBIO.