A plataforma recopila datos diariamente e foi desenvolta no seo do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI)
Desde o inicio da pandemia da COVID-19 en España son moitas as plataformas que veñen recollendo as cifras sobre a súa incidencia. Non obstante, case todas elas quédanse nunha análise superficial. Co obxectivo de abordar esta fenda, o centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTic), a través do seu Grupo de Servizos para a Sociedade da Información (GSSI), vai un paso máis aló coa creación de Panel COVID. Trátase dunha ferramenta que recompila todos os datos e informes publicados por fontes oficiais como o Ministerio de Sanidade, a RENAVE (Red Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica) e o INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre a evolución da pandemia desde o seu inicio, co obxectivo de poder analizalos polo miúdo e amosalos de maneira sinxela e clara a calquera usuario.
Guillermo Barreiro, investigador do GSSI pertencente a atlanTTic, comezou a traballar neste proxecto no mes de novembro de 2020, baixo a supervisión de Martín López Nores. “Creamos unha aplicación que descarga, extrae, procesa e almacena diariamente nunha base de datos en liña toda a información oficial dispoñible sobre a COVID-19, e esta preséntase en forma de gráficas nunha páxina web”, explica Barreiro.
Radiografía da pandemia
Panel COVID conta cun cadro de mando no que se visualizan de forma conxunta datos referentes á evolución da COVID-19 organizados segundo diversos indicadores como casos, hospitalizacións, falecementos, probas diagnósticas, gromos por ámbito, transmisión e vacinación. Caracterízase por contar cunha interface sinxela, clara e de fácil consulta, diferenciándose á súa vez doutras páxinas similares por ofrecer información máis detallada e exhaustiva ao incluír parámetros específicos para filtrar as cifras por comunidade autónoma, franxa de idade ou sexo.
Un dos puntos fundamentais do proxecto é que “calquera persoa, con coñecementos técnicos previos ou sen eles, pode acceder a esta aplicación desde o seu navegador web, sen necesidade de ter que instalar nada, e grazas a ela pode analizar e estudar os datos sobre a pandemia”, sinala Barreiro, facendo fincapé en que é unha ferramenta pensada para todos os públicos.
Código aberto para facilitar a análise de datos
Unha das bazas máis importantes desta ferramenta é a súa versatilidade, pola ampla capacidade analítica e o abano de opcións de experimentación que ofrece para continuar avanzando nesta liña de traballo. “Estámola actualizando constantemente e imos incluíndo novas categorías de datos a medida que o fan as fontes oficiais, como poden ser as porcentaxes de persoas vacinadas por grupos de idade”, resaltan desde o GSSI.
O equipo de investigación emprega ferramentas de software libre en todas as fases do proxecto, tanto á hora de extraer información de fontes heteroxéneas cmo de integrar os datos procedentes das mesmas e articulalos en formato gráfico e visual. Ao tratarse dunha solución de código aberto, no caso de que accedan a ela persoas cun perfil máis técnico non só poden executala e despregala no seu equipo para traballar coas cifras existentes, senón que tamén poden integrar novas fontes de datos e mesmo facer as súas propias gráficas tomando como base o panel.
A finalidade de publicar o código fonte en aberto é servir como punto de partida a outras persoas interesadas en analizar os datos da COVID-19, posibilitando que poidan traballar cos datos que xa teñen extraídos e a partir de aquí adaptar a ferramenta ás súas necesidades. Destaca López Nores que parte do valor do proxecto é mellorar a práctica diaria de calquera que estea facendo un labor de análise de datos ou tendencias sobre a COVID, facilitándolle gráficas e parámetros actualizados en lugar de ter que buscar eses datos en multitude de fontes e portais diferentes.
Panel COVID preséntase agora, máis dun ano despois do inicio da pandemia, cun alto grao de madurez para contribuír precisamente a entender e aprender de todos os datos acumulados ata o momento. Isto permitirá afrontar o desenvolvemento de novas plataformas, partindo de patróns estruturais e de deseño xa creados, para a análise e estudo da COVID-19 ou doutras situacións epidemiolóxicas futuras de características similares.